CulturaCulturaÚltima hora

“A risa é algo moi subversivo”

Paula Godinho falaba sobre o Entroido de Vilariño de Conso en Santiago

 

Paula Godinho, durante a conferencia que impartía en Santiago a finais de febreiro./ Foto: Carlos G. Hervella.

Para a antropóloga lusa Paula Godinho a risa resulta algo “moi subversivo”. E máis cando se dá en público, de xeito colectivo e contaxioso como sucede no Entroido galego. “Esta festa ten sempre un conxunto de textos que son lidos para provocar risa e un conxunto de comportamentos transgresores destinados á risa. A risa é xeral, universal, contén todas as cousas e persoas… Esixe complicidade e un idioma común e social. En Galicia hai un conxunto de máscaras risoñas, en cambio as máscaras transmontanas non rin”, di esta investigadora e profesora na Universidade Nova de Lisboa, dedicada dende hai anos ao estudo das festas do ciclo de inverno en Portugal.

No 2012 iniciaba un traballo sobre os Entroidos galegos e no inverno de 2015 desprazábase ao oriente ourensán para achegarse ao de Vilariño de Conso. “A miña abordaxe dos Entroidos galegos foi por ese lado xocoso, dende a ambivalencia da risa e todo iso tendo como inspiración ao autor Mijaíl Bajtín”. Así o explicaba Godinho na conferencia “Entroidos galegos, entre procesos longos, emblematizações e o riso: o caso de Vilariño de Conso”, que impartía o 24 de febreiro Museo do Pobo Galego, en Santiago.

Comezaba referíndose ao Lardeiro e á Lardeira, bonecos que presiden a praza de Vilariño no tempo de Entroido ata a súa queima no Mércores de Cinsa. “Se nos puidésemos retrotraer ata 1935 veríamos que estas figuras dificilmente conseguirían permanecer expostas tanto tempo porque nos Xoves de Compadres e de Comadres os mozos e as mozas perseguíanas, participando nun desafío. Que estes dous emblemas do Entroido aguanten tanto tempo significa xa un cambio da festa. Hoxe o Lardeiro e a Lardeira cumpren novas funcións e nalgúns lugares a súa elaboración xa ten que ver con concursos. Todo muda e os cambios no Entroido dannos conta dos cambios na sociedade. A través desta festa interésame ler a realidade actual das aldeas galegas e os procesos alí vividos, cunha sangría demográfica tremenda, e ver os axentes sociais de Entroido, as persoas que fan os folións”, destacaba.

Neste senso plantexaba unha análise no tempo, con cinco fases. Amosaba a evolución o Entroido antes da guerra civil, na posguerra, na desarticulación do mundo rural e nos procesos migratorios de finais dos anos 50 e 60, na Transición e nos procesos seguidos ata a celebración actual. “Ollar para as festas e entendelas é comprender os cambios a nivel da propia sociedade que as celebra”, resaltaba.

Texto: A.R.

Artigos relacionados

Back to top button