Numerosas persoas se daban cita na noite do 23 de decembro no Centro Cultural Avenida da Rúa para asistir a unha proxección moi especial. Despois dun longo e coidado traballo de nove anos, a directora Ana Domínguez compartía cos seus veciños a súa primeira longamatraxe: “Os Fillos da Vide”.
Trátase dun documental rodado na Rúa e que percorre, seguindo o paso das estacións e da vida, o cultivo da vide: dende a vendima, pasando pola poda e o agromar dos froitos, ata a seguinte colleita. Un traballo moi persoal e mimado cuxos protagonistas son os propios rueses, xunto con modo de vida ligado á terra e á viticultura, hoxe case perdido.
Momentos antes do inicio da proxección, a alcaldesa ruesa, María González, amosaba a súa satisfacción por que Ana Domínguez escollese A Rúa para presentar este traballo e aseguraba que era un bo xeito para comezar a celebración do Nadal no municipio. Pola súa banda, a directora do documental, agradecía os apoios recibidos por diferentes entidades para levar a cabo este proxecto e tamén a colaboración da xente. Tras a proxección, os asistentes compartían un viño da Cooperativa da Rúa.
Fotos: Carlos G. Hervella.
Máis información na edición en papel do Periódico O Sil