Ao longo deste Entroido o Fulión de Mormentelos (Vilariño de Conso) percorría en diversas ocasións esta localidade enchendo do seu intenso ritmo as rúas e vestíndoas do colorido e das elegantes danzas dos seus Boteiros, cunha estética e un comportamento totalmente diferente aos do resto do municipio.
Esta aldea recibía na noite do Domingo a visita da Asociación Xuntos polo Fulión e, ao día seguinte, a do Fulión de Castiñeira, renovando así o seu tradicional intercambio con este pobo veciño, interrompido o pasado ano pola pandemia.
Así o lembraban os representantes de Castiñeira cando formulaban a petición de permiso en verso: “Boas noites Mormentelos/ aquí estamos outra vez/ se non viñemos antes,/todos sabemos o por que”. E, acto seguida, na concesión do permiso, Mormentelos agradecía esta visita: “Gracias Castiñeira/ por tomar a decisión/ de vir aquí esta noite/ a tocar o folión“. Deseguido, o potente toque de Castiñeira enchía a aldea.
Fotos: Alejandro Nieves.