ConcellosEn portadaGalerías de fotosLaroucoÚltima horaVídeos

Tradición, gastronomía, viño e festa nas “Covas de Seadur” (Larouco)

 

Seadur (Larouco) vive neste 8 de abril, Sábado Santo, unha xornada moi especial. Despois de tres anos de obrigado parón pola pandemia, esta localidade recupera nesta xornada a celebración “As Covas de Seadur”, un percorrido que combina a cultura vitinícola coa gastronomía e a festa,

A partir das seis e media da tarde poñíase en marcha esta nova edición da ruta, na que abren as súas portas 19 adegas soterradas ou covas. Xa dende primeira hora eran numerosas as persoas, tanto da zona como de fóra, as que se achegaban ata esta localidade para visitar estas antigas construcións tradicionais nun ambiente moi especial de festa e convivencia.

 

 

Entre eses visitantes estaba o conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado da directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé; da directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro, da xerente do Inorde, Emma González, e da alcaldesa de Larouco, Patricia Lamela, entre outros rexedores do oriente ourensán e doutros puntos da provincia.

 

 

Segundo comentaba o conselleiro, o entorno etnográfico das Covas de Seadur é un claro exemplo da vinculación entre viño e territorio, xa que está composto de 40 adegas tradicionais de gran valor patrimonial.

Este traxecto festivo, cuxa entrada é unha cunca de barro e unha pulseira, estaba animado pola actuación de tres charangas e en cada unha das covas o público podía degustar diferentes petiscos quentes. Está previsto que as covas pechen as súas portas ás 22:30h.

 

 

Esta nova edición ten sido organizada pola Asociación As Covas de Seadur coa colaboración co Concello de Larouco. Para facilitar a chegada de persoas á localidade, a organización habilitaba diferentes aparcamentos nas dúas entradas. Ademais contábase coa colaboración das agrupacións de voluntarios de Protección Civil de Larouco, Petín, O Barco, A Rúa, Trives, Manzaneda e Vilamartín.

Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button