CulturaCulturaOpiniónÚltima hora

Tres razois pra dicir Entrudio

Artigo de Pedro Basalo Bembibre

Publicidade

 

Hai palabras que dicen muto máis do que aparentemente dicen. Quizais sexa pola vinculación cun determinado lugar, por atesourar unha historia apaixonante ou, incluso, polo cariño do que se sinte como propio. Pra min, entrudio ten un pouco de todo o anterior i eu creo que sustenta unha identidá que debe ser preservada, pero pra que eso sexa posible é necesario tomar consciencia primeiro. Porque, ¿como salvaguardar unha tradición se a privamos do seu nome, que é a condición máis esencial?

Inda esí, hai xente á que non lle convence eso de falar de Entrudio: o que hai que escribir e dicir é Entroido, que é o galego normativo, e deixarse de marea-las cousas. Non obstante, fronte a ese pensamento simplista é preciso sinalar dúas puntualizaciois complementarias entre si.

Por unha banda, é indiscutible que se necesita unha variedá estándar do galego pra situaciois oficiais e que esixen formalidá, por aquelo de ter un código estable e ben definido que facilite a comunicación (¡non vai escribir cada un como lle dea a gana!). Pero, por outra banda, non está de máis esixir un maior respecto prós dialectalismos, sobre todo no ámbito da cultura tradicional, porque nas canciois, na toponimia ou nas tradiciois asoma a fala de cada sitio. Esas palabras, expresiois e trazos lingüísticos son un certificado de pertenza que lle dá autenticidá á tradición (un valor que as copias i os sucedáneos non tein).

En fin, o caso é que despois de muto cavilar, discurrín tres argumentaciois que explican os motivos polos que, cuando falemos da festa máis célebre de Viana do Bolo i autras terras veciñas, deberiamos falar de Entrudio e de non Entroido. Eí van.

  1. Razón lingüística: a coherencia da palabra entrudio de acordo cos trazos propios da fala vianesa

Se entroido non é propio da fala de Viana, ¿por que a gran maioría o dice? A resposta é sinxela: por pura promoción institucional, escolar e mediática; exactamente o mesmo que lles sucede ás formas auctóctonas fulión e fuliada, que se vein desprazadas por folión e foliada. Dende o meu punto de vista, esta estandarización indiscriminada supón un falseamento i un empobrecemento do Entrudio (porque se elimina a cor lingüística propia desas palabras, é dicir, as singularidades que o vencellan a unha zona determinada).

A bibliografía da primeira mitai do século XX xa daba conta da palabra entrudio (ás veces con algunha pequena variación como antrudio ou intrudio). Entre esas fontes cóntanse Nicolás Tenorio con La aldea gallega (1914), Manuel García Paz con IV Melodía. Desfíe de campesiñada galega (1935), o lingüista alemán Fritz Krüger co seu artigo “En torno a dos palabras salmantinas: bica, antruejo” (1953) ou Laureano Prieto con Contos vianeses (1958). Estes traballos deron fe dun termo que inda vive hoxe, só que relegado ás aldeas e, en consecuencia, invisibilizado i en flagrante retroceso.

Máis recentemente, o Atlas Lingüístico Galego (ALGa) —unha obra xurdida a partir dun exhaustivo traballo de campo efectuado entre 1974 e 1977—, documenta nun dos seus mapas como todo o oriente ourensán i as Portelas zamoranas usaban a forma entrudio, a excepción da vila de Viana do Bolo, onde se rexistrou entroido. Dar unha resposta certeira a esa anomalía é complicado; agora ben, convén reparar en que as aldeas sempre foron máis conservadoras na fala e nas costumes cás vilas, dado que estas últimas estuveron muto máis expostas á chegada de traballadores dafóra, á castelanización, ós modelos de vida urbanos e tamén á estandarización do galego.

 

Mapa do ALGa (entroido e variantes) // Twitter oficial do Instituto da Lingua Galega (23-02-2019).

 

 

Outra proba de que entroido non é a forma autóctona das terras de Viana pode deducirse das vacilaciois á hora de nomea-la festa que se produciron primeiro a nivel autonómico e que despois tuveron eco no ámbito local durante o último cuarto do século XX. De eí que nos carteis promocionais de Viana do Bolo (o da Festa da Androlla i o do desfile de fuliois, comparsas e carrozas) aparecese antroido na década dos 80, mentres que a partir dos anos 90 a lingua estándar i as instituciois xa se decantaron por entroido. En verdai, é triste que nunca se lle dese visibilidá á palabra entrudio; tanto foi esí que hoxe resulta practicamente descoñecida prás xeraciois máis novas.

 

Carteis coa variante antroido (1987 e 1989) // Concello de Viana do Bolo.

 

. Carteis coa variante entroido (1993 e 1995) // Piquico (autor do cartel Entroido ‘93) e Concello de Viana do Bolo.

 

¿E lo que evidencias lingüísticas existen pra asegurar que entroido non é unha forma autóctona da fala vianesa? Pois, polo xeral, as palabras que en galego normativo contein o ditongo oi, en vianés adoitan monotongar, é dicir, presentan no seu lugar ou a vogal u (muto, luto, escutar, truta, cutado, fruta…) ou o ditongo ui (mui, cuidado). Con todo, hai que salientar que incluso nun mesmo falante pode coexistir o uso de muto e muito indistintamente. En cualquera caso, os exemplos das palabras con oi (exceptuando noite —que alterna con noute—, boi, oito e un par delas máis) probablemente teñan máis que ver coa influencia do normativo que co xeito de falar tradicional.

Baseándome na miña conciencia lingüística e no que levo escutado dende piquiniño, a miña percepción é que o ditongo oi resulta tan alleo prá fala vianesa que, se non se dá ningunha das dúas opciois mencionadas arriba —ou algüis casos illados como chuvia respecto de choiva—, os vianeses tendemos a escapar das palabras co ditongo oi por medio dos castelanismos: cuchillo (coitelo), bizcocho (biscoito), lucha (loita), muchísimo (moitísimo), diluvio (dioivo), etc. Por cuestiois coma estas, percíbese que entrudio está muto máis cerca da fala de Viana que entroido.

  1. Razón etnográfica: a pertinencia das palabras autóctonas pra construír e dar conta da tradición

Toda tradición debería explicarse coas súas propias palabras (tanto dá se son localismos léxicos ou variantes dialectais), pois estas conservan matices identitarios e técnicos que axudan a defini-los elementos da festa no seu contexto. Penso, por exemplo, na pertinente distinción que se dá entre esquilas (boteiros de Viana do Bolo), chocas (felos de Maceda), chocos (peliqueiros de Laza) e chocallas (mázcaras de Manzaneda). Cada unha destas campás non só se diferencia polo nome, senón tamén pola forma i a sonoridá; precisamente todas elas tein unhas particularidades que poin de relevo a identidá dunhes personaxes fronte ós outros. En boa medida, as palabras autóctonas non só forman parte da tradición, senón que son a base pra creala.

A importancia dos vocábulos non se limita só a cousas materiais, estes tamén exercen un papel fundamental en tanto que tecnicismos ou denominación de certas figuras, como se aprecia nalgüis aspectos das disputas e das comparsas de Viana do Bolo. Por exemplo, dentro das disputas dáse a distinción entre os brindes i os cobres. Ambos se refiren ós versos que integran a representación teatral, pero, mentres que os primeiros son improvisados e dirixidos a alguen concreto de entre o público, os segundos responden a unha trama guionizada. Por outro lado, en cuanto ós personaxes da comparsa, un deles é o de esquilas (ou vello de esquilas ou mazcarado) que, inda que actualmente —por determinadas vicisitudes— leva o mesmo traxe que un boteiro, é unha figura distinta, tal e como testemuñan a súa traxectoria histórica, funciois, comportamentos i áreas nas que aparece. No fondo, o coñecemento destas palabras implica tamén coñecer parte da historia que hai detrás delas, de eí que sexan algo imprescindible.

Un dos perigos da ansia estandarizadora é que, se opera sen cautela, pode desvirtuar de tal xeito a tradición que a volva irrecoñecible prá súa propia comunidá. Poñamos por caso o traxe dos boteiros de Viana do Bolo que consta, entre outros elementos, de esquilas e legues. Ningunha das dúas voces está contemplada na variante estándar, os equivalentes máis próximos serían chocas e polainas, pero, con toda seguridá, poucos vianeses ían asociar eses dous termos cos boteiros. I eiquí xurde unha pregunta necesaria: ¿acaso hai que normativizar todo o que non se corresponda co estándar? Eu diría que non sempre; creo que nesto da terminoloxía entrudieira hai graus de xerarquía: unha cousa é evitar castelanismos, como pode ser gravata en vez de corbata —que non reviste maior importancia—, i autra é substituír un elemento tan significativo como esquilas por chocas. De seguir esa mesma lóxica obcecada pola uniformidá da lingua, personaxes como os de esquilas convertiríanse nos de chocas ou nos de campás, o que supón un auténtico disparate.

Cos razoamentos anteriores pretendo reforza-la percepción de dúas ideas. A primeira: que o Entrudio, con tódalas súas manifestaciois, se constrúe a través da fala e, polo tanto, é imposible salvaguarda-la tradición adecuadamente se se perden as súas palabras.

A segunda: que o Entrudio conta cunha xerga propia que ás veces non coincide coa norma estándar, e non pasa nada. Non figurar no Dicionario da Real Academia Galega non é ningún demérito, nin implica que as cousas aludidas non existan. Dende logo o que non se pode facer é modifica-las palabras pra que estean conformes á variedade estándar dunha lingua á conta de falsea-la tradición. Pouco favor se lle fai á lingua galega se o camiño é arrasa-la cultura que non se adapta á norma.

  1. Razón identitaria: o Entrudio como microidentidá dentro do Entroido

Emprega-la fala local (i en certos casos tamén escribila) é signo de riqueza e visibiliza unha diversidá viva. Mais recupera-la palabra entrudio non consiste só nunha valorización das raíces i unha homenaxe á nosa xente, senón tamén nunha maneira de reivindicar unha microidentidá diferenciada dentro do Entroido galego. Porque, inda que o Entroido engloba toda Galicia, os fuliois, as fuliadas i as disputas son orixinarios de eiquí, das zonas onde se dicía Entrudio. I é lóxico porque os costumes i as tradiciois van unidos á fala i á terra.

En conclusión, este artigo non é unha arroutada contra o galego normativo nin contra naide, senón un exercicio de reflexión e de busca de coherencia entre o que se dice i o que se fai. Ás veces non nos decatamos de que un legado cultural vai máis aló das cousas materiais. A herdanza do Entrudio é un patrimonio que, á parte dun conxunto de ritos, técnicas ou personaxes, constitúe unha identidá. E non hai outra forma de transmitir esa conciencia se non é mantendo vivas as palabras propias do lugar. Obviamente, todos podemos opinar e cada un é libre de falar e de dicir o que queira. Ora ben, razois pra falar de Entrudio en Viana do Bolo i algunhas terras do redor, haias, e ben fundamentadas. Non esquezais que hai palabras que dicen muto máis do que aparentemente dicen.

*A lingua deste artigo intenta harmoniza-lo galego normativo con algüis trazos dialectais, palabras i expresiois da fala vianesa.

Texto: Pedro Basalo Bembibre.
Imaxes: cedidas por Pedro Basalo Bembibre.

Artigos relacionados

Back to top button