OurenseSen categorizarÚltima hora

Un convenio entre Viaqua e o Concello permitirá sacar o carné de conducir a 24 persoas en risco de exclusión

Este acordo enmárcase dentro do programa IMEDRA, que o pasado ano conseguiu insertar no mercado laboral a 45 persoas en risco de exclusión social 
Jesús Vázquez, na comparecencia tras a Xunta de Goberno Local.

Un total de 24 persoas en risco de exclusión social veranse beneficiadas dun convenio que o Concello de Ourense e Viaqua veñen de asinar. Así o anunciou hoxe, 9 de febreiro, o alcalde da cidade Jesús Vázquez, na rolda de prensa tras a Xunta de Goberno Local. O rexedor informou que este acordo está dotado de 6.000 euros. Esta iniciativa englóbase dentro do programa “IMEDRA”, que o Concello de Ourense está a levar a cabo dende que entrou esta corporación municipal e que ten como obxectivo a formación e inclusión no mercado laboral desas persoas en risco de exclusión social.

Segundo Vázquez Abad, moitas veces o carné de conducir “é un elemento clave para obter un posto de traballo”. O Alcalde sinalou que levan a cabo esta acción formativa xa que “unha vez obtivemos os datos do IMEDRA do ano 2015 e 2016, vimos como moita xente non podía acceder a un posto de traballo porque non tiñan o carné de conducir”.

Con respecto a eses datos de anos anteriores. A concelleira de Servizos Sociais, Sofía Godoy, deu conta na Xunta de Goberno Local a memoria do pasado ano deste programa de inserción. Segundo explicou Jesús Vázquez, o pasado ano un total de 45 persoas conseguiron un posto de traballo a través do IMEDRA, “un programa que estaba parado e que reactivou este goberno á súa chegada”, asegurou. Nun principio o programa estaba dedicado á xente perceptora da RISGA, pero o no Concello “queriamos que fose a máis xente e incluímos ás persoas en risco de exclusión social, ás do programa de condutas aditivas, minorías étnicas ou o colectivo da inmigración”, apuntou o rexedor. Asemade de involucrar ás empresas privadas para poder coñecer a demanda de emprego e axudar aos usuarios.

Segundo fontes municipais, con este programa un total de 819 persoas participaron en procesos de inserción laboral. Deles, 485 tiveron un itinerario personalizado; 345 asistiron a cursos de formación e 351 participaron en procesos de selección de postos de traballo. Asemade, as principais novidades do pasado ano foron os cursos de formación levados a cabo con outras entidades como a Confederación de Empresarios de Ourense (CEO) ou os da propia Concellería.

Outros asuntos tratados na Xunta de Goberno Local

Ademais deste convenio, na Xunta de Goberno Local trataron outros asuntos. Por unha banda, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ditou unha sentenza favorable para o Concello, na que se desestima o recurso de reclamación de responsabilidade patrimonial por presuntos danos e prexuízos ocasionados pola anulación do PXOM. A empresa adxudicataria reclamaba ao consistorio ourensán 644.161,44 euros. A sentenza non é firme e pódese recorrer.

Por outra banda, no procedemento que interpuxeron seis concelleiros do grupo municipal do PSdeG-PSOE, en calidade de persoas físicas, fronte ás Bases e Convocatoria da provisión de Xefaturas de Servizo do Concello (Benestar Social, Medio Ambiente, Planeamento e Xestión urbanísticas, Saúde, Infraestruturas, Cultura, Xuventude e Participación Cidadá, Educación, Formación Ocupacional, Desenvolvemento Local e Promoción Económica, Facenda, Licencias Urbanísticas de Actividade, Apertura e Disciplina, Recadación, Servizos Xerais, Sistemas Informáticos, Termalismo e Turismo. Os socialistas din que as bases non son conformes. O Concello foi chamado a declarar en calidade de demandado.

E sen saír do grupo Socialista, a Concellería de Persoal e Recursos Humanos, inadmitiuse a trámite o recurso de reposición, presentado por este grupo, contra as bases específicas das xefaturas de servizo aprobadas o pasado 31 de outubro. Neste asunto, Jesús Vázquez asegurou o segunte: “é curioso que tamén se presente ante o propio tribunal unha reclamación cando previamente non se valorase a cuestión anterior dentro do propio Concello, o normal é que se inadmita a trámite e o segundo paso é acudir ao contencioso. Neste caso foron contemporáneas ambas cuestións”.

En materia de Servizos Xerais, o Concello aprobou o gasto concreto da subministración de carburante para o seu para o presente ano (150.000 euros) e o 2018 (77.768,46 euros). Este gasto é derivado da firma do contrato coa empresa Estaciones de Servicio Pérez Rumbao S.A.

Finalmente, no eido de urbanismo, o Concello solicitoulle ao Instituto Galego de Vivenda e Solo a revisión da delimitación do “Parque Empresarial Seixalbo-Cumial”, prevista no Plan Sectorial das Áreas Empresariais de Galicia xa aprobado en 2012. Durante estes anos houbo unha serie de alegacións a este plan e, actualmente, o Concello vese na obriga de pedirlle ao IGVS unha redución do mesmo para axustala ao terreo e excluíndo do mesmo unha serie de zonas de orografía complicada. “Ademais que entendemos que deben de ter un tratamento de protección”, concluíu o alcalde.

 

Artigos relacionados

Back to top button