CulturaCulturaÚltima hora

Un gran círculo lítico prehistórico está sendo escavado en Lugo

O Castrillón de Adai "é un fenómeno local que evidencia contactos culturais a longa distancia", aseguran os investigadores

Sondaxe realizada. / Foto cedida.

 

O Castrillón, na parroquia de Adai, Lugo é un xacemento importante e coñecido desde o século pasado que este ano está sendo obxecto dunha escavación por parte da Universidade de Santiago baixo a dirección de Pilar Prieto membro do Grupo EcoPast e do CISPAC, financiada polo grupo EcoPast e o Grupo Síncrisis, colaborando nos traballos arqueolóxicos Tempos Arqueólogos.

“Escávase como un primeiro paso da investigación na zona arqueolóxica de Adai, grazas á autorización dos seus veciños a través da Comunidade de Montes. Adai é un espazo patrimonial de primeria orde no rural de Lugo, destacable pola existencia de petroglifos e sobre todo unha cabana alongada prehistórica tipo ‘longhouse’, única en Europa que se atopa escavada en granito, podería ter relación coa roda en proceso de excavación, á súa vez o castro de Penarrubia está a escasos 500 metros deste singular conxunto”, tal e como sinala o equipo de investigadores.

O xacemento é un recinto circular ou roda duns 53 metros de diámetro que conserva en superficie un parapeto e un foxo e alcanza unha superficie de 2100 m2. Xa no segundo día foi descuberto o muro do parapeto feito en cachotaría granito e algúns fragmentos de cerámica prehistórica e un par de durmintes de muiño.

O obxetivo deste primeiro ano de traballos, adiantan os investigadores, “é identificar as súas fases de construcción, uso e abandono. Este é o oitavo xacemento desta tipoloxía que se escava en Galicia, trátase dun novo tipo de xacemento que se está a investigar e cuxa interpretación non está completamente definida. Podería tratarse de recintos cerimoniais, incluso para enterramentos, seguindo costumes ancestrais provintes de Centro Europa, cubrindo esta excavación un baleiro na investigación.

“Pensamos que será un xacemento de longa perduración seguindo a liña dos xa datados como a A Roda de Barreiros, Ventosiños de Coeses, tamén no concello de Lugo ou Os Castrullos en Parada de Sil. Coñecer mellor este xacementos implica coñecer mellor o mundo funerario das comunidades que viviron en Galicia nun periodo pouco coñecido polo momento que vai desde o 1600 ata o século II a.C, entre a Idade do Bronce e a do Ferro. O Castrillón de Adai é un fenómeno local que evidencia contactos culturais a longa distancia. A pesar de semellanzas formolóxicas con outros círculos líticos ou Henges das illas británicas, as rodas presentan características autóctonas que as fan únicas”, resaltan dende o equipo.

Artigos relacionados

Back to top button