CulturaCulturaEntroido 2021Última hora

Un sentido tributo aos Felos de Maceda dende terras suecas

A poeta Helena Eriksson, que se ten vestido de Felo en varias ocasións, homenaxea a esta tradición cada Sábado de Entroido

 

Hai máis dunha década percorría por vez primeira a Serra de San Mamede como Felo no Sábado de Entroido. Unha vivencia moi especial que marcaba e deixaba fascinada á poetisa sueca Helena Eriksson (Nyköping, 1962), que volvía repetir a experiencia en varias ocasións.

“Os Felos son unhas figuras fantásticas, incribles. A primeira vez que vestín esta máscara foi como unha especie de epifanía. Digamos que a máscara puxo enriba da mesa unha serie de cuestións: ¿que é a identidade? ¿por que levar unha máscara? ¿que significa pór unha carauta? Sobre elas estou a indagar e a cada volta parécenme máis interesantes en moitos máis sentidos, dun xeito que vai alén do que significa a propia máscara en termos carnavalescos”, tal e como explicaba Eriksson nunha entrevista concedida no 2015 á revista “Entroido en Galicia”.

 

 

Esa descuberta do Entroido ourensán, na que foi guiada polo etnógrafo e fotógrafo Emilio Araúxo, teceu un vínculo moi especial e intenso que revive dende terras suecas cada Sábado de Entroido. Ese día, convertida tamén en Felo réndelle, soa ou en compaña, un sentido tributo a esta figura e tamén á tradición da que forma parte. Este ano facíao dende o Vättlefjäll. Tres Felos, caxata en man, percorrían neste Entroido esta fermosa e branca paisaxe sueca.

Texto: A.R.

Fotos cedidas por Helena Eriksson.

Artigos relacionados

Back to top button