OurenseÚltima hora

Unha aplicación móbil permitirá aos cidadáns de Ourense notificar incidencias ao Concello

A queixa será notificada directamente ao departamento correspondente e poderase facer un seguimento até a súa resolución
Jorge Pumar, Jesús Vázquez e Carlos Campos.

Seguro que moitos cidadáns quixeran notificar aos responsables do Concello certas incidencias que acontecen no seu barrio dun xeito directo. Agora os habitantes de Ourense poderán notificar eses desperfectos ou incidencias ao Concello directamente a través dunha aplicación para móbil chamada “Ourense colabora”. O cidadán que queira notificar unha incidencia terá que darse de alta co seu nome e apelidos e correo electrónico. Seguidamente, poderá notificar a súa incidencia a través dun texto acompañado de até cinco fotografías. Ao mesmo tempo tamén poderase incorporar a xeolocalización dese burato na beirarrúa ou da árbore caída que interrompe o paso, entre outras. O desenvolvemento desta nova ferramenta tivo un custo de 3.500 euros ás arcas municipais.

Segundo o concelleiro de Sistemas de Información, Jorge Pumar, esta nova canle de comunicación veciñal porá ao consistorio “en comunicación directa ca cidadanía e facer a esta administración máis transparente”. A aplicación é de balde e está dispoñible “tanto para Android como para iOS”, explicou o Concelleiro. Asemade, o cidadán ten a súa disposición unha listas das queixas máis comúns. Una vez que a queixa chegue á base de datos do Concello, explicou Pumar, o cidadán “poderá facer un seguimento da resolución da mesma” e, no caso de que non se poida levar a cabo “explicaráselle os motivos”, asegurou. En todo caso, o cidadán será notificado da súa resolución.

O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, amosouse entusiasmado con esta iniciativa: “é unha forma de atender dunha forma máis eficaz as demandas dos nosos veciños”. Vázquez Abad sinalou que esta aplicación “poranos a vista naqueles puntos á que os nosos ollos non poden chegar” e apuntou que isto incorpora á axenda “as principais preocupacións dos cidadáns, que moitas veces non son os debates políticos, senón cando lle van arranxar o banco roto ou a papeleira caída”.

Pola súa banda, o concelleiro de Participación Cidadá, Carlos Campos, cualificou esta nova ferramenta como “útil e transversal” e asegurou que dende o seu departamento “consideramos clave a comunicación cos veciños e veciñas”.

Artigos relacionados

Back to top button