CulturaCulturaÚltima hora

Unha escavación para descubrir se o círculo de pedra da Muradella (A Pobra de Brollón) é unha mámoa ou un xacemento medieval

A intervención, que dirixe o prehistoriador Rodrigo Paulos Bravo, desenvolverase do 18 ao 30 de xullo e está promovida por dúas asociacións veciñais

Situación do xacemento A Muradella na Serra do Moncai (A Pobra do Brollón, Lugo)./ Foto: Proxecto A Muradella.

 

Unha curiosa estrutura de pedras con forma circular de ata 16 metros de diámetro esténdese pola paraxe das Muradellas, en Santa Comba de Fornelas (A Pobra de Brollón, Lugo). Trátase dun xacemento arqueolóxico ata agora inédito, sen catalogar, situado na Serra do Moncai e que vén constituíndo un límite entre as comunidades locais cando menos dende a Alta Idade Media.

Era o equipo de Xurxo Ayán quen o daba a coñecer recentemente no marco dunha iniciativa para estudalo e desentrañar o seu significado. Dúas son as hipóteses das que parten: unha mámoa megalítica tipo cairn do Neolítico ou unha castronela, un asentamento fortificado de época medieval. En ambos casos o xacemento resulta sumamente interesante para os investigadores xa que son estruturas das que apenas existen referencias nin investigacións no interior galego.

Co fin de determinar que é A Muradella o vindeiro 18 de xullo comezará unha intervención arqueolóxica que se prolongará ao longo de dúas semanas e que está promovida pola Asociación de Veciños de Cereixa María Castaña e pola Asociación Veciñal A Fonte da Freita de Fornelas, co apoio doutras entidades como a Deputación de Lugo, a Universidade Nova de Lisboa e a Universidade Complutense de Madrid.

“Á marxe de que despois validemos unha hipótese ou outra, o máis importante é ese afán da veciñanza por coñecer a súa historia, protexela e documentala. E outro aspecto relevante é que se trata dun xacemento que non se coñecía, fomos ao Catálogo de Patrimonio Cultural da Xunta e non estaba por ningures. Polo tanto, somos os primeiros arqueólogos que imos tratar esta estrutura como un elemento arqueolóxico e iso é importante á hora de divulgar, coñecer e protexer o entorno”, resalta o director da intervención, o prehistoriador Rodrigo Paulos Bravo (Universidade Complutense de Madrid), moi interesado na Prehistoria da Terra de Lemos e que ten formado parte do equipo de Xurxo Ayán en diversas intervencións realizadas nos últimos anos na Ribeira Sacra.

A escavación arqueolóxica na Muradella terá un carácter valorativo e constará de tres fases, a primeira das cales será “unha prospección xeofísica cun aparato xeomagnético que medirá no entorno se hai algún tipo de estruturas, de fosos, se hai campos de buracos, típicos da época neolítica, ou algún tipo de estrutura defensiva que poida estar tirándonos máis cara época medieval”, adianta Paulos Bravo. Unha segunda fase sería a escavación da propia construción, “facendo unha sondaxe valorativa duns 8 metros por 2, unha trincheira longa enriba da estrutura para que poidamos ver de primeira man a materialidade, a arquitectura, o solo sobre o que se instalou. Isto vai ser a clave porque, datando o solo sobre o que se apoia, estamos datando a estrutura. Tamén imos ver se hai algún tipo de material arqueolóxico, cerámica, lítica… ou, de ser medieval, algún tipo de metal”, continúa o investigador.

 

 

O círculo de pedras da Muradella./ Foto: Carlos Rueda.

 

E, finalmente, nunha terceira facíase abordaríase a divulgación do xacemento. “Tendo en conta que esta escavación ten sido promovida por dúas asociacións veciñais, a divulgación parécenos un tema importante para que os veciños poidan saber de primeira man os resultados e coñecer da man dos científicos se todos os obxectivos da campaña se cumpriron”, explica o seu director.

Un posible monumento megalítico

No noroeste peninsular o que máis se ten documentado en canto a monumentos megalíticos son os túmulos, de varias tipoloxías, e cun carácter funerario, é dicir, que debaixo teñen un dolmen ou unha cista con restos de enterramentos do Neolítico. No caso da Muradella os investigadores cren que podería ser unha estrutura megalítica tipo cairn.

“O volume de pedra que hai crea dúbidas de se era todo un túmulo lítico, o que o convertiría nun cairn, ou se o que temos amontoado nos arredores, as pedras, formarían parte da coraza dun túmulo de pedra agora desaparecido. Consideramos que é máis un cairn polo volume de pedra, e os cairns son bastante típicos en toda a costa atlántica, Bretaña, Irlanda, Gales… E, aínda que dentro do Neolítico do noroeste non sexa común, non resultaría raro que fose un cairn, se atendemos á mobilidade destas poboacións durante o Neolítico”, comenta Rodrigo Paulos.

Entre os argumentos principais que sosteñen esta hipótese están a situación da Muradella, o control e dominio das vías de paso principais da Terra de Lemos, que seguen o trazado dos cursos fluviais, e a intervisibilidade con gran parte dos megalitos situados nun radio de ata 20 ou 30 km.

De ser un túmulo megalítico ou un enterramento neolítico, A Muradella podería aportar novos datos para “entender a neolitización do interior de Galicia, que son datos que nos faltan por todos os sitios, temos unha lagoa no coñecemento académico”, comenta Paulos.

Sen embargo, hai outra serie de cuestións que levan aos investigadores a ser prudentes á hora de afirmar que A Muradella é prehistórica, como o feito de que o lugar non estea relacionado a ningún tipo de lendas, que non haxa referencias toponímicas ou a falta de asociación con outras estruturas megalíticas. “Entón, aínda que hai unha gran carga de probas en pos de que se trate dun túmulo megalítico, tamén existen certos elementos que nos chaman a ser prudentes e non descartar de todo a hipótese de que poida ser medieval”, matiza o director do proxecto arqueolóxico.

 

Outra imaxe deste xacemento no que se fará unha intervención a partir do 18 de xullo./ Foto: Carlos Rueda.

 

¿Unha fortaleza medieval?

A outra idea que baralla o equipo de investigadores é que A Muradella sexa unha castronela medieval, é dicir, un recinto fortificado. Neste senso, teñen en conta aspectos como a toponimia, o control visual da zona ou o gran volume de pedra na derruba, sen embargo, este xacemento non presenta a planta subcuadrangular típica das castronelas, non se teñen identificativo estruturas defensivas na zona, nin está situada aos pés dunha vía de paso.

A clave, na escavación

A escavación arqueolóxica vai ser clave para poder coñecer máis sobre as orixes da Muradella. “Polo de agora é un misterio. Estamos desexando empezar a intervención, ata que non poñamos un pé alí e empecemos a limpar ou a documentar todo non imos poder resolvelo. Polo de agora, o que temos é unha amalgama de información, pero ata que non vexamos a materialidade non imos poder afirmar nada con rotundidade”, comenta o director da escavación, na que se contará cun equipo multidisciplinar formado por unha decena de investigadores.

Ademais, este proxecto de arqueoloxía comunitaria nace con vocación de continuidade. “O equipo está moi motivado e cada dato que imos analizando e vendo motívanos máis, porque parece que vai ser un xacemento bastante importante pola súa situación, tipoloxía e paisaxe. As análises que fixemos de visibilidade con outros túmulos megalíticos, calca a descrición dun monumento megalítico. Entón a idea é que esta intervención sexa unha primeira toma de contacto, de feito a prospeción xeomagnética que imos facer non vai dar resultados inmediatos, é dicir, o que vexamos aí, a fotografía que fagamos baixo terra, non nos vai servir para esta campaña en tanto que leva un tempo de procesado de materiais. De haber algo, serviríanos para unha segunda campaña o ano que vén, e coa sondaxe o mesmo, unha vez que teñamos os datos da primeira sondaxe xa poderíamos, con máis precisión, plantexar escavacións no futuro”, conclúe Rodrigo Paulos.

A evolución desta intervención poderá seguirse a través do facebook do Bicentenario do Concello de Cereixa.

Artigos relacionados

Back to top button