CulturaCulturaÚltima hora

Unha nova escavación no Preguntoiro (Pantón) para afondar na relación entre o xacemento e os bancais de viñedo

Vén de iniciarse a terceira campaña arqueolóxica neste lugar da Ribeira Sacra, coordinada por Sonia García e con dirección arqueolóxica de Xurxo Ayán

 

Dende o 6 de novembro está en marcha a terceira campaña de escavación arqueolóxica no sitio arqueolóxico do Preguntoiro (Pantón), que está previsto que se prolongue ata o 19 de novembro. Tres os principais obxectivos do equipo de investigadores nesta intervención, que dá continuidade ao proxecto arqueolóxico que se encetaba no 2021. Por unha banda, vaise na procura de “datos empíricos para coñecer a orixe da Ribeira Sacra como espazo simbólico, na Alta Idade Media” e, nese senso, realizaranse datacións de Carbono 14 “en perfís estratigráficos dos calexotes (terrazas para o cultivo da vide) para abordar a orixe da paisaxe vitivinícola desta zona”. Finalmente, búscase “consolidar un recurso patrimonial visitable no canón do Sil”, a carón dunha ruta de sendeirismo homologada que parte de Pombeiro e chega ata a aldea abandonada de Sancosmede.

Esta actuación está financiada pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia a través dun convenio co Concello de Pantón. A coordinación do proxecto corre a cargo de Sonia García Rodríguez e a dirección arqueolóxica de Xurxo Ayán Vila (Instituto de História Contemporânea, Faculdade de Ciências Sociais e Humanas da Universidade NOVA de Lisboa). O equipo está formado por un total de 12 profesionais da arqueoloxía e investigadoras do Instituto de Ciencias do Patrimonio do Consello Superior de Investigaciones Científicas (INCIPIT – CSIC) de diferentes disciplinas: antropoloxía cultural, etnografía, palinoloxía, edafoloxía, antropoloxía forense e arqueoloxía.

“Nesta nova intervención abordamos a ampliación do sector de escavación cara ao norte, abranguendo unha superficie de 40 m2”, adiantan dende o equipo, “nesta área albíscase unha estrutura anexa á capela do San Xoán Degolado, a cal xa estaría erguida no século XIII da nosa era, dacordo coas datacións de C-14. Nesta zona tamén hai indicios de construcións anteriores que poden estar vencelladas co eremitorio e necrópole rupestre asociada, do século X da nosa era. Así pois, esta campaña permitirá unha mellor comprensión da orixe e evolución deste espazo sagro desde a Alta Idade Media ata a implantación plena do feudalismo e do veciño mosteiro de San Vicenzo de Pombeiro”.

 

 

Datacións das terrazas de cultivo

Ao mesmo tempo, esta campaña permitirá contextualizar e comprender a relación entre a capela e as terrazas da contorna inmediata. A análise bancais de viñedo en campañas anteriores, nas que xa se tomaron mostras de terra, permitiu datalas mediante o C-14.

Agora o obxectivo é “entender a evolución construtiva entre as terrazas e as edificacións, podendo concretar as datas de todo iso. Ata o momento só contabamos coas datacións dun contexto arqueolóxico semellante no lugar de Os Conventos, tamén escavado polo mesmo equipo de traballo en 2019 e 2020, en Vilachá (A Pobra do Brollón Lugo), na extrema E do canón do Sil”, matizan os investigadores.

Un proxecto de “Arqueoloxía Pública”

Esta intervención arqueolóxica estará, novamente, aberta ao público, de luns a venres. Ás doce do mediodía, cada xornada, terá lugar unha visita guiada a cargo da dirección do proxecto arqueolóxico.

Na fin da escavación, pero con data aínda por determinar, haberá unha Xornada de Portas Abertas. “Na páxina Facebook do proxecto o equipo irá transmitindo en tempo real o avance das investigacións. Tamén está prevista a realización dunha charla final, para todos os públicos, unha vez terminada a intervención arqueolóxica, dando conta dos resultados desta terceira campaña”, informan dende o equipo.

Fotos: Proxecto O Preguntoiro.

Artigos relacionados

Back to top button