O Festival Internacional de Curtas de Verín, FIC Vía XIV, acollerá o vindeiro 1 de setembro a actividade paralela Entroido: outras miradas. Ao igual que en anos anteriores, a temática do Entroido será un dos piares fundamentais da programación paralela do FIC e, nesta ocasión, a través de narrativas menos convencionais.
Dunha banda, dentro desta acción prevista no programa proxectarase unha sesión de curtametraxes que terá como fío condutor o Entroido dende unha visión de orixe e posta en común das diferentes tradicións arredor desta celebración. A sesión finalizará cunha curta filmada a comezos do século pasado en Laza.
Doutra banda, representarase a performance Carrilano KaoS de Álvaro Rúa, un proxecto concibido por este mozo verinés de 31 anos que xorde como traballo de investigación final para o seu Grao Superior en Instrumentos da Música Tradicional e Popular de Galicia, cursado no Conservatorio Superior de Música de Vigo.
Carrilano KaoS explora a temática do Entroido, centrando a súa mirada no celebrado na localidade de Mormentelos e empregando as súas figuras e sons como fío condutor. Faino a través da gaita, con técnicas estendidas, e plantexa unha narrativa que “ten que ver coa renovación da vida que trae consigo o Entroido”, sinala o seu autor.
Orixinal peza creativa
O son, a ambientación e a iluminación desta perfomance, que se representará no Auditorio de Verín, están coidadas ao máximo. Un total de 10 actores profesionais acompañarán a Álvaro Isaac Rúa sobre o escenario para interpretar esta orixinal peza creativa.
Carlos Montero, director do FIC Vía XIV, considera que “o festival de Curtas de Verín, un ano máis, non permanece alleo ao Entroido, un dos seus piares fundamentais e principios inspiradores”. Montero confía en que esta proposta concibida no marco da axenda de actividades paralelas do FIC “conquiste ao público” e axude a “divulgar o poder transformador do Entroido”.