OurenseÚltima hora

Unha semana de Letras Galegas na cidade con música, literatura e teatro

O Concello presentou unha batería de actividades para todos os públicos co gallo do “Ano de Carlos Casares”
Xavier Casares, Belén Iglesias e Jesús Vázquez. // Foto: Carlos Asensio.

O Concello de Ourense presentou hoxe, 4 de maio, o calendario de actividades para salientar a figura de Carlos Casares con motivo do Día das Letras Galegas. Segundo dixo a concelleira de Cultura, Belén Iglesias, na presentación no Salón de Plenos, “este é o ano de Casares, e todo o que fagamos para conmemorar tan insigne figura literaria que tanto aportou á bagaxe cultural da nosa cidade”. Asemade, anunciou que toda a programación cultural que faga o Concello este ano xirará en torno á figura deste literato ourensán. “Porque este é o ano de Carlos Casares”, dixo.

Tendo en conta isto, a programación das Letras Galegas en Ourense comezará o venres, 12 de maio, coa obra “Os mortos daquel verán”, que Talía Teatro representará no Auditorio Municipal, de balde, ás 20:30 horas. Para o luns, 15 de maio, a xornada estará dedicada aos escolares a partir das 11:30 horas na praza de San Martiño. Esta actividade estará amenizada cunha actuación de Raquel Queizas.
O martes 16 de maio será o acto institucional coa descuberta da placa nos xardíns do Bispo Cesáreo ás 13:30 horas e co “Concerto das Letras” ás 20:30 horas no Auditorio Municipal.

O propio Día das Letras Galegas, 17 de maio, haberá postos de venda das librarías ourensás na rúa do Paseo ás 11:00 e ás 12:00 horas. Ese mesmo día, ás 11:30 horas, establecerase como punto de encontro a Sala Valente para dar comezo ao roteiro de Carlos Casares pola cidade. Ás 12:00 horas, na Sala Valente haberá a actividade infantil “Carlos Casares con maxia e música” e, ás 13:00 horas, na rúa do Paseo, haberá unha actuación musical de Emilio Rúa titulada “Cantata e fuga para Carlos Casares”, coas palabras de Carlos Caneiro.

Na presentación tamén estivo o irmán de Carlos Casares, Xavier Casares, que agradeceu ao Concello por facer esta programación. Casares engadiu que Ourense “foi unha cidade moi literaturizada por Carlos Casares, e lle serviu de inspiración para varias obras”. Ao mesmo tempo amosou a súa alegría e ledicia porque as actividades estivesen dedicadas aos nenos “porque o futuro da nosa lingua e da nosa cultura está nos nenos, ademais que a literatura de Casares estaba dedicada a eles”.

O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, asegurou que “Ourense quere devolverlle un pouco a Carlos Casares”, e por iso esta programación. Asemade, asegurou que esta é unha forma de divulgar “as moitas facianas do homenaxeado das Letras Galegas, e unha forma, tamén, de amosar unha parte de nós, como ourensáns que Carlos Casares levou sempre con moito orgullo”.

Texto: Carlos Asensio.

Máis información sobre a exposición “Os mundos de Carlos Casares” e sobre o “Concerto das Letras” e do acto institucional do día 16 de maio, na edición impresa do mes de maio de “O Sil”.

Artigos relacionados

Back to top button