DeportesPiraguismoÚltima hora

Uns 120 piragüistas de 18 clubs daranse cita na 3ª Copa España Sprint e clásica, no Barco do 6 ao 7 de maio

O sábado terá lugar a 3º Copa España Sprint individual con 2 mangas (ás 15h. e ás 17h.) con saída da zona do cachón e o 7 de maio disputarase a Copa de España Clásica individual (ás 10h.) e o Campionato nacional de patrullas clásica (11:30h.) con saídas dende Éntoma

 

As augas do río Sil ao seu paso polo Barco acollerán na vindeira fin de semana, do 6 ao 7 de maio, tres probas deportivas de carácter nacional de piragüismo na modalidade de augas bravas, ademais dun campionato galego. Así, o día 6 terá lugar a 3º Copa España Sprint individual con 2 mangas (ás 15h. e ás 17h.) con saída da zona do cachón e o 7 de maio disputarase a Copa de España Clásica individual (ás 10h.) e o Campionato nacional de patrullas clásica (11:30h.) con saídas dende Éntoma ata a pasarela da área recreativa do Salgueiral. Este útimo será tamén campionato galego.

O programa destas competicións presentábase esta mañá no Concello do Barco, contando coa presenza de dous representantes do Club Fluvial Barco, unha das entidades organizadoras, e do concelleiro de Deportes, Aurentino Alonso. Esta cita reunirá a uns 120 padexeiros de ata 18 clubs de diferentes partes de España. Deles media ducia son galegos, entre eles o propio Fluvial Barco, o Fluvial Avión e o Montaña Quixós de Monforte.

“Será unha das edicións máis numerosas dos últimos ano. Aínda que o descenso de augas bravas é unha disciplina minoritaria nos últimos anos estase vendo que cada vez máis clubs anímanse a participar nela”, indicaba Fernando García Viso, do Fluvial Barco, agradecendo ademais o apoio do Concello do Barco para levar a cabo este evento e de Iberdrola, como entidade patrocinadora principal.

 

 

Pola súa banda, Jesús Rodríguez León, tamén padexeiro do Fluvial Barco, explicaba que a proba sprint individual (a proba contrarreloxio do sábado, cuns 300 metros de percorrido) será a última clasificatoria para o mundial desta disciplina que se celebrará en xuño en Alemaña. “Iso tamén influíu en que aumentará a participación de padexeiros nesta edición”, matizaba.

O Fluvial Barco contará nestas probas cunha representación duns 14 padexeiros e o seu obxectivo será manterse entre os tres primeiros da clasificación nacional de descenso de augas bravas, un posto que agora ocupan tras as dúas primeiras citas do calendario.

Pola súa banda, o concelleiro de Deportes do Barco, Aurentino Alonso, convidaba “á xente a desfrutar destas dúas xornadas de piragüismo bonito”, felicitaba ao Club Fluvial Barco pola iniciativa de promover estas competicións “deste calibre”, indicando que un “ano máis seguimos apoiando estas actividades”.

 

Fotos: A.R.

 

Artigos relacionados

Back to top button