ConcellosÚltima hora

Valdeorras, punto de encontro internacional da mocidade neste verán

A comarca acollía tres programas de mobilidade xuvenil internacional realizados a través do programa Eramus+ e promovidos pola Asociación Valdeorras Vive

 

Ao longo deste verán Valdeorras convertíase en escenario de ata tres intercambios internacionais cuns 90 mozos (de entre 18 e 30 anos) de ata 12 nacionalidades (de dentro e fóra da Unión Europea) na comarca. Tratábase de tres programas diferentes de mobilidade xuvenil internacional (Youth Exchanges) realizados a través do programa Eramus+ e promovidos pola Asociación Valdeorras Vive.

Era ademais a primeira vez que nesta comarca se desenvolvían un Erasmus+ no seu compoñente adicado á educación non formal, mediante o intercambio cultural xestionado por asociacións internacionais. A experiencia non puido ser máis positiva. “Resultou un rotundo éxito”, destacada Lucas Docampo, representante de Valdeorras Vive, “foron uns grupos moi grandes, o último deles de 7 países, un total de 38 persoas, pero saíu fenomenal. Estamos posteando as fotografías, os vídeos do intercambio en instagram e facebook contando as experiencias de cada un. Imo facer tamén algúns vídeos, sobre todo, no segundo intercambio no que chegamos ata O Barco e fixemos unha especie de actividade dixital con videos promocionais de Valdeorras”.

De feito, unha das singularidades destes intercambios, preparados con moito esforzo e ilusión dende Valdeorras Vive, era a súa temática, plenamente local. O primeiro deles (do 7 ao 14 de xullo) tiña como título “Xacobeo 2021, The Winter Way“ e poñía o foco no Camiño de Inverno. No segundo, “In the shoes of apilgrim, a claim for a sustainable tourism” (do 31 de xullo ao 9 de agosto) abordábase o turismo sustentable e, no terceiro, “I don´t believe in meigas” (do 15 ao 21 de agosto) afondábase na tradición oral e nas meigas.

 

 

“No mundo Eramus hai asociacións de xente que se dedica de forma profesional a isto, especialmente nas grandes cidades ou en países nos que están máis familiarizados co programa, pero nós achegamos isto a Valdeorras de forma desinteresada e puxémoslle moitísimo cariño. Somos unha das poucas asociacións que fai intercambios en Galicia e collémolo con moitísimas ganas”, resalta Lucas Docampo.

Moitos dos mozos participantes (de países como Italia, Armenia. Romanía, República Checa ou Turquía) era a primeira vez que viaxaban a España. “Estes intercambios supoñen unha oportunidade, con todo pagado polo programa, de que a mocidade  poida viaxar, de ter unha experiencia en Europa e de aproximarse a outras culturas”, indica Docampo.

 

 

Dado o bo resultado da iniciativa, a Asociación Xuvenil Valdeorras Vive xa ten en carteira novos proxectos. “Imos participar como organización que envía a grupos Erasmus para este tipo de intercambios, temos xa un par de proxectos aprobados no verán que vén que serán en Romanía e en Bulgaria. Pero tamén temos pensado inscribir máis iniciativas nas seguintes convocatorias, probablemente repitamos algún intercambio xuvenil e nos metamos no tema dos training course, que é moi parecido. Son cursos de formación sobre unha temática concreta e, en vez de ir dirixidos á xuventude en xeral, van destinados aos traballadores xuvenís por así dicilo, á xente que está dentro do programa Eramus: tanto voluntarios como traballadores”, conclúe Lucas Docampo.

Fotos: Valdeorras Vive.

Máis información no facebook e instagram de Valdeorras Vive.

 

Artigos relacionados

Back to top button