ConcellosÚltima horaVilamartín

Valencia do Sil, un castro con dous momentos de ocupación e un emprazamento singular

Os resultados das escavacións que se levan realizando dende o 2019 neste asentamento dábanse a coñecer esta tarde en Vilamartín

 

Os resultados dos labores arqueolóxicos que se veñen desenvolvendo no Castro de Valencia do Sil (Vilamartín de Valdeorras) dende o 2019 ata a actualidade dábanse a coñecer na tarde deste venres. O acto tiña lugar no Centro Cultural de Santa Lucía de Vilamartín e abríase cunha intervención do alcalde, Enrique Álvarez, quen agradecía o labor das diferentes persoas que ao longo do tempo se esforzaron para estudar este xacemento que nos últimos anos está sendo escavado por Sputnik Labrego, e incidía na aposta do Concello para recuperar e poñelo en valor. Ademais entregoulles aos membros deste equipo un agasallo, unha lousa gravada e unha botella de godello, lembrando tamén que estamos no ano de Florencio Delgado Gurriarán, outro vilamartinés.

Deseguido tomaba a palabra o presidente do Instituto de Estudios Valdeorreses, Aurelio Blanco, quen destacaba tamén a relevancia de recuperar arqueoloxicamente un xacemento como o de Valencia de Sil e amosabao o apoio desta entidade aos investigadores. Ademais interviña outro membro do IEV, José Fernández, quen facía un percorrido polos diferentes restos castrexos existentes ao longo do río Sil na comarca, comentando que existía comunicación visual entre cada un destes asentamentos. Tamén falaba das diferentes fases de escavación no castro de Valencia do Sil, iniciadas polo grupo dos Escarvadores (algúns de cuxos membros estaban presentes na sala), ata chegar ao momento actual.

Era entón cando o director das escavacións, o arqueólogo Carlos Tejerizo, abordaba o traballo realizado dende 2019 e que se enmarca “dentro dun proxecto xeral que é estudar arqueoloxicamente como se desenvolveron, como se transformaron as sociedades labregas ao longo da historia e nun momento moi importante como é a desaparición do Imperio Romano e a emerxencia do Reino Suevo e da Idade Media, dende entón empezamos a traballar na comarca de Valdeorras”.

 

Escavacións no Castro de Valencia do Sil./ Foto: Luis Enrique Rodríguez “Coquixo”.

 

Unha das primeiras cuestións nas que se centraron é determinar cando estivo ocupado o castro. “Para isto fixemos datacións radiocarbónicas, un total de 8 datacións, que sinalan dous momentos distintos de ocupación, dúas fases moi diferenciadas non só pola datacións radiocarbónicas senón tamén polos materiais: hai unha primeira fase que vai do ano 100 antes de Cristo e ata o 150 despois de C., momento no que o sitio se abandona durante un par de séculos; e logo volta ser ocupado entre o 300 e 450 d.C., momento que máis impacto tivo”, dicía Tejerizo.

Ademais este arqueólogo resalta que a escolla deste lugar non foi casual. “Está nunha ladeira na que crearon aterrazamentos ao longo do lugar, cara a croa (parte máis alta do castro), e son nestas terrazas nas que construíron as estruturas, facer isto requeriu un esforzo de traballo enorme. Non é casual a localización, esta xente quería estar alí. Tiña intención de vivir moito e como sabemos polas datación e pola ocupación do sitio”.

A continuación referíase as dúas zonas principais de escavacións nas que traballa o equipo, destacando os retos dun alcantarillado, e comentaba os resultados de estudos sobre a cultura material exhumada u otros máis especializados como as análises de pólenes antigos ou os estudos sobre os materiais metálicos.

Carlos Tejerizo resaltaba as potencialidades tanto patrimoniais como de divulgación deste xacemento e lembraba que tamén se pretende facer del unha escola de arqueoloxía. “Queremos converter este sitio nunha escola de futuros arqueólogos, fixemos primeiro un convenio coa Universidade de Santiago e logo outro coa de León para que o alumnado viñera facer as prácticas de arqueoloxía aquí”.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button