Aínda que a situación sanitaria mellorou considerablemente nas últimas semanas, o coronavirus segue facendo da súas tamén no ámbito deportivo. Desta volta e contra todo pronóstico tocoulle ao karate.
A selección galega, da que forma parte a karateka barquense Lucía Herrero (KC River Stone), tiña esta fin de semana unha importante cita en Madrid para participar no Campionato de España Sénior con grandes expectativas postas nos seus deportistas, pero parte do equipo está en corentena por positivos de Covid.
Os que tiveron a sorte de non estar en contacto cos positivos si viaxaban hoxe a Madrid para participar no campionato pero Lucía non é un deles e malia ter cumprido as medidas de seguridade, dar negativo nas probas e estar ben, ten que permanecer en corentena, seguindo o protocolo.
A karateka do River Stone asegura que por un lado ten que sentirse ben “porque din negativo e a saúde é o primeiro” aínda que iso é precisamente o que máis rabia lle dá. “Estou ben e estaría ben para competir e teño que estar na casa…”, laméntase. Intenta non pensar niso, acostumada como está a afrontar os contratempos, pero non pode deixar de sentirse frustrada. “Foi mala sorte porque tanto eu como varios dos meus compañeiros levabamos moito tempo preparando este campionato e tivemos que quedar na casa a unha semana de celebrarse”, di. Así e todo non lles queda outra que tomalo como un bache máis. “Toca saltalo e seguir adiante”, asegura Lucía.