Aínda que o peor da pandemia de Covid-19 xa pasou, a situación sanitaria aínda non se normalizou e moitos concellos optaban por ser precavidos na celebración do Entroido 2022, deixando de lado os multitudinarios actos como os desfiles. É o caso da Rúa que así e todo, non deixou pasar a oportunidade de despedir esta festa co Enterro da Sardiña, adaptado iso si á situación e retando á chuvia.


Así, na tarde-noite deste 2 de marzo, Mércores de Cinza, o tradicional e festivo acto comezaba co velorio no adro da igrexa de Santo Estevo (ao aire libre evitando que se xuntara a xente), continuaba coa procesión pola Rúa Vella (cun percorrido máis pequeno que noutras ocasións por mor da chuvia) e remataba coa queima da Sardiña na praza César Conti. Entre berros, choros, sermón e risas, os veciños seguiron a parodia posta en escena por A Ruada. Entre os personaxes: as choronas, o crego, o monaguillo e o bispo.


Tralo percorrido pola contorna da parroquia, o Enterro da Sardiña remataba na praza coa queima dos bonecos (sardiña de tramo e Compadres pendurados do farol dende os Xoves de Compadres e Comadres) e posterior degustación de viño, auga e bocadillos de sardiña por xentileza do Concello.
Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.