ConcellosÚltima horaVerín

Verín inicia os trámites para recuperar o Servizo de Augas ante o risco de dano ambiental por saturación da depuradora

Varios informes e medicións técnicas detectan un nivel de infiltracións de auga freática que incrementa ata nun 95 o caudal da rede de saneamento

 

Salvagardar a integridade medioambiental do tramo alto do Támega. Co este obxectivo o Goberno municipal de Verín iniciaba onte o procedemento para a recuperación do Servizo Municipal de Augas, ante os indicios «certos e medibles» de que se non intervén podería rexistrarse un dano ecolóxico para o ecosistema da comarca. O Consistorio cree, ademais, que este é o momento preciso de plantexar un proxecto de renovación da rede de saneamento e abastecemento de Verín, a conta de fondos europeos.

Tal e como se manifestaba en rolda de prensa -na que estiveron presentes o alcalde, Gerardo Seoane; o tenente de alcalde, Diego Lourenzo; o concelleiro de Servizos Públicos, Julio Viéitez, a concelleira de Recursos Humanos e Réxime Interior; Rosario Rodríguez e a concelleira de Medio Ambiente, Purificación Caldelas- a situación do Servizo de Augas de Verín non pode agardar máis ante o risco de que a precariedade dos sistemas de depuración propicie un deterioro ambiental do río Támega. Por elo, informaron de que veñen de solicitar un informe aos técnicos do Concello para que indique a fórmula correcta para iniciar a recuperación da concesión.

Segundo o goberno verinés, a depuradora municipal -que tamén trata a auga de algúns dos concellos limítrofes- está recibindo máis do dobre do caudal do que está preparada para procesar, e que sería máis que suficiente para atender a poboación de Verín e limítrofes, a causa da infiltración de augas subterráneas que se introducen nas tubeiras en mal estado que atravesan o municipio. De feito, informaron, de que “a Confederación Hidrográfica do Douro vén de revisar a autorización de vertido de augas de Verín ( de 3.000.000 metros cúbicos) corrixindo a súa taxa de 40.000 a 200.000 euros anuais debido á dilución dos residuos”.

Ante esta situación, segundo os responsables municipais, o Concello encargou varios informes externos para coñecer as causas, ademais de instalar caudalímetros en varios puntos da rede de saneamento para aforar o líquido desprazado con precisión. Todos estes estudos referendaron que as filtracións son a causa do exceso de volume que recibe a depuradora.

Malas condicións das tubeiras

O Concello de Verín puxo en coñecemento en varias ocasións esta circunstancia, explicándolle á concesionaria que as malas condicións das tubeiras -especialmente no colector norte desde Verín a Castrelo- son a causa das filtracións. Malia estas xestións, e aínda que a adxudicataria da xestión ingresa o 100% da tarifa que abonan os veciños de Verín para saneamento, a empresa non parece disposta a abordar os investimentos necesarios para solucionar a situación. “No mes de abril envióuselle un escrito para que informase en dez días das accións a tomar, do que aínda non recibimos resposta”, apuntou Gerardo Seoane.

“O risco de dano ambiental está aí”, sinalou o alcalde de Verín, “e a saúde ecolóxica do Val do Támega non pode seguir dependendo dunha rede de saneamento en mal estado”. Ante esta situación, e aproveitando a existencia de varias liñas de proxectos e fondos europeos centrados nos criterios de sustentabilidade e mellora medioambiental, o Concello de Verín cre que é chegada a hora de abordar a situación e plantexar un proxecto de saneamento integral, proxecto que xa está redactado e que solucionaría o exceso de vertedura

Para elo, o alcalde acordou hoxe solicitar informes aos departamentos municipais correspondentes sobre o procedemento a seguir para a recuperación da concesión do Servizo de Augas, as así “poder garantir desde a óptica do servizo público a renovación dun abastecemento e saneamento como os que merecen os nosos veciños e o noso medio ambiente”.

Pola súa banda, Diego Lourenzo recordou que o Concello de Verín -como os municipios da comarca e a Confederación Hidrográfica- teñen en marcha un grupo de traballo para redefinir ciclo da auga en todo o territorio, e que actualmente traballa levantando acta do estado actual de todas as instalacións e servizos existente para a súa mellora.

“Un dos obxectivos do actual goberno municipal”, explicou o tenente de alcalde, “foi, desde o seu inicio e por compromiso electoral, a remucipalización eficiente dos servizos públicos locais e a súa modernización en aras do beneficio económico e servizo ao cidadán”.

Para finalizar, Lourenzo quixo aclarar que “esta é unha decisión moi meditada e documentada”, xa que neste caso en concreto e unha medida que se toma en aras da defensa do interese xeral. “Desde o Concello estamos abertos a falar coa empresa concesionaria -como se fixo en reiteradas ocasións- para chegar a un acordo pero, no caso de non facelo, actuaremos con responsabilidade e determinación en beneficio da cidadanía”.

Artigos relacionados

Back to top button