
O vindeiro 5 de xaneiro (ás 14h.) concluirá o prazo para presentar obras no concurso para o cartel do Entroido 2018 que vén de convocar o Concello de Viana do Bolo. Segundo as bases do certame, poderán tomar parte nel “todos os creadores que así o desexen, co número de traballos que estimen oportunos, sendo condición indispensable que as obras sexan orixinais”.
O formato único será vertical con tamaño de 594×841 mm (dimensión A1) e “non servirán formatos proporcionais”. As obras levarán como único texto “Entroido 2018-Viana do Bolo, do 1 ao 14 de febreiro”. O tema será de libre elección e interpretación do autor, pero “deberá recoller o espírito entroideiro de Viana do Bolo”.
O xurado que escollerá a obra ganadora estará formado, segundo as bases, por “alomenos tres persoas relacionadas co mundo do Folión tradicional de Viana do Bolo, a fotografía e a imaxe, as artes plásticas, a antropoloxía, e a divulgación cultural en xeral e serán designados polo órgano competente municipal”. O premio consistirá nunha dotación económica de 300 euros e na edición do cartel.
Máis información:
Concello de Viana do Bolo http://www.vianadobolo.es/