ConcellosEn portadaGalerías de fotosÚltima hora

Vilamartín inaugura o mural realizado polo artista arxentino Carlos Moreyra

No acto, que tiña lugar no Bañadoiro, os asistentes colaboraban en porlle nome á obra que se chamará “As uvas da vida”

Unha paisaxe de viñedos, enmarcada por montañas e na que dúas mulleres portan cestos de uvas recén recollidas. Así é o mural que o mestre escultor Carlos Moreyra realizaba a través do obradoiro de muralismo que impartía a finais de setembro en Vilamartín. Este traballo (no que tamén participaban o profesor Leonardo Corazza, a artista Laura Duben e as alumnas Carmen e Carina) descubríase ante os vilamartineses nun emotivo acto que tiña lugar no Bañadoiro.

Antes o alcalde, Enrique Barreiro, presentaba aos autores do mural e agradecía á Laura Duben, creadora tamén arxentina asentada no Barco dende hai varios anos, a iniciativa de ter promovido este intercambio cultural e de ter escollido Vilamartín como escenario do obradoiro. De seguido Laura Duben presentaba a Carlos Moreyra e explicaba que escolleron Vilamartín porque “abriunos a porta á cultura e estamos moi contentos de deixar esta homenaxe á xente do pueblo”.

Pola súa banda, Moreyra sinalaba que é “unha honra compartir a arte do muralismo” coa terra ourensá, da que é orixinario. E explicou as técnicas aplicadas e como a propia xente de Vilamartín colaborou de diferente xeito na elaboración deste traballo e aportando ideas ao seu acabado final. “Co meu amor”, concluía, “entrégolles isto”.

Seguidamente, en medio dun aplauso, descubríase a obra. E mentres o Concello de Vilamartín agasallaba aos presentes cuns pinchos e viño, comezaba o proceso popular para darlle un nome ao mural. Finalmente, o escollido era “Uvas de la vida”, escrito por Belén.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button