
O centro de día continúa coa posta a punto para poder entrar en funcionamento o vindeiro mes de setembro. Esa é a data que baralla o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e a previsión é que se cumpra. O xerente do ente autonómico, Perfecto Rodríguez Muíños, visitou hoxe as instalacións na compaña de alcaldes e concelleiros da área de Benestar e traballadores dos servizos sociais de Maceda, Paderne de Allariz, Baños de Molgas, Montederramo, Esgos, Xunqueira de Espadañedo, Vilar de Barrio, Pereiro de Aguiar e Nogueira de Ramuín. Tamén estivo presente o xefe territorial da Consellería de Política Social, José Selas.
As instalacións están orientadas á atención diúrna de maiores e terá unha capacidade máxima de 60 prazas. Forma parte da rede autonómica da Xunta de Galicia e iniciará o seu funcionamento de xeito gradual, polo que no vindeiro mes de setembro as instalacións botarán a andar con 30 prazas en activo.