ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

Visita institucional a Asfaval e a Arela, no Barco

O conselleiro de Política Social achegouse ata Valdeorras para coñecer as necesidades de ámbalas dúas asociacións

“Este ano iniciamos o despregamento de novas prazas residenciais para persoas con discapacidade intelectual e a comarca do Barco de Valdeorras será unha das prioritarias”. Así o aseguraba o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, na visita oficial que realizaba á sede da Asociación de Familiares de Persoas con Discapacidade Intelectual de Valdeorras (Asfaval), no Barco, na mañá do 17 de xuño, acompañado pola delegada territorial da Xunta en Ourense, María Sol Díaz e a presidenta do colectivo, Amelia Blanco, entre outros.

Trala visita ás instalacións, Rey Varela destacou o “importante traballo que leva a cabo Asfaval, encamiñado a mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade e das súas familias, intentando dar resposta ás necesidades de integración social e laboral no medio ao que pertencen, o medio rural”.

Asfaval presta servizo á comarca de Valdeorras e conta cun Centro Ocupacional con 15 prazas concertadas, no que os usuarios do mesmo realizan obradoiros de costura, reciclaxe, informática ou habilidades sociais entre outros. Así mesmo, a entidade conta cun Centro de Día no que se ofertan obradoiros de estimulación cognitiva e sensorial, de lecto-escritura ou de actividades básicas de vida diaria. Das 15 prazas que oferta a entidade na modalidade de centro de día, 3 son concertadas. Rey Varela destacou que “o goberno autonómico non é alleo á importancia que teñen estes centros no desenvolvemento persoal das persoas con discapacidade, polo que a Consellería de Política Social destina un importe de 140.636 euros para o mantemento destas 18 prazas”. Asfaval conta asemade con 6 usuarios na Residencia (de momento privada) á espera de que a Consellería lle otorgue as prazas demandadas.

O conselleiro aproveitou a visita a Valdeorras para achegarse ata a casa de familia na que a asociación Arela traballa con nenos, nenas e adolescentes en situación de desprotección familiar e/ou conflito social, tamén no Barco, onde foi recibido polos responsables de Arela, Maite Celeiro Mallo (coordinadora de protección) e Julio Barreiro (tamén do equipo de protección).

Na actualidade, a casa de familia de O Barco acolle a un total de 10 menores a través de 6 prazas residenciais xerais, 2 prazas residenciais especiais e 2 prazas de día, en virtude do concerto de prazas que a Xunta de Galicia mantén coa entidade e polo que aporta 183.390 euros. Rey Varela explicou que “en total, son 68 as prazas concertadas polas que achegamos un total de 1.291.277 euros para o mantemento das mesmas. Un investimento que responde ao compromiso de axudar ás persoas que máis o precisan e ás entidades que traballan no día a día con elas, como é o caso de Arela”. Ademais, o titular autonómico lembrou que a Xunta mantén un convenio de colaboración con este colectivo para levar a cabo unha intervención educativa integral con persoas menores que teñan que cumprir medidas xudiciais e outras actuacións en medio aberto, ao que destina un orzamento de 413.957 euros.

Fotos: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button