En portadaÚltima hora

Volven as escavacións ao campamento romano de Penedo dos Lobos (Manzaneda)

Os investigadores buscan coñecer as técnicas defensivas do exército romano nesta zona do Noroeste peninsular

Escavación no campamento romano de Penedo dos Lobos (Manzaneda) no 2018./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Coñecer como foi construído e avaliar o impacto das agresións practicadas por furtivos con detectores de metais observados no xacemento de Penedo dos Lobos, situado a uns 1483 metros de altura no concello de Manzaneda. Con estes obxectivos vén de iniciarse neste 6 de setembro unha nova campaña neste campamento romano, no que se interviña por vez primeira no verán de 2018 da man dde romarmy.eu, así o vén de anunciar este colectivo a través da súa web e das redes sociais.

A campaña está promovida polo Concello de Manzaneda e pola Universidade de Salamanca, baixo a dirección cientifica do profesor desa universidade José Manuel Costa, que comparte co investigador João Fonte (Universidade de Exeter). A dirección técnica dos traballos está a cargo de Francisco Alonso Toucido (Tempos Arqueológos). A campaña prolongarase ata este venres 9 de setembro. A intervención está financiada por Turismo de Galicia e conta coa colaboración do concello de Manzaneda e o Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSIC (Incipit).

O campamento romano de Penedo dos Lobos é un dos campamentos romanos a maior altura no actual territorio galego. “Atópase moi próximo, a penas 2,5 km, á estación de esquí de Cabeza de Manzaneda. Conta cunha superficie de 2,34 hectáreas, o cal permite estimar que foi construído para unha unidade militar de entre 800 e 1000 soldados. Considérase un campamento de marcha, é dicir, un recinto militar construído durante o avance da columna militar, non estable e ocupado durante moi pouco tempo. A intervención practicada por romanarmy.eu en 2018 permitiu localizar materiais asociados aos militares romanos que permitiron propoñer unha cronoloxía contemporánea ás Guerras Cántabras (29-19 a.C.), levadas a cabo por Roma para controlar as áreas aínda non dominadas na Península Ibérica. A identificación do campamento romano tivo un gran impacto no mundo académico e en medios internacionais, achegando unha nova visión para comprender a presenza do exército romano no actual territorio galego”, segundo o equipo de investigadores.

Sondaxes na muralla

A intervención arqueolóxica que se está levando a cabo en Penedo dos Lobos está a practicar sondaxes na muralla do recinto militar, co obxectivo de determinar o seu procedemento construtivo. Os investigadores buscan coñecer as técnicas defensivas do exército romano nesta zona do Noroeste peninsular, pero tamén compilar datos para unha potencial posta en valor futura do xacemento. Entre os obxectivos, a obtención de mostras que permitan datar de xeito máis preciso o campamento romano. Trátase dunha continuación da primeira campaña levada a cabo por romanarmy.eu no recinto en 2018, e que permitiu a identificación do xacemento.

Artigos relacionados

Back to top button