SanidadeÚltima hora

XXI Xornada de Actualización de Enfermidades Infecciosas, en Ourense

O seu obxectivo é actualizar os coñecementos dos profesionais sanitarios do CHUO e doutros hospitais galegos

 

A XXI ª Xornada de Actualización de Enfermidades Infecciosas tiña lugar este martes en Ourense. Esta era unha xornada especial, por volver tras tres anos sen celebrarse, debido á pandemia Covid. O obxectivo destas xornadas é actualizar os coñecementos dos profesionais sanitarios do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) e outros hospitais galegos en diversas infeccións.

Ao longo destes anos os mellores especialistas de enfermidades infecciosas de España participaron nestas xornadas, organizadas polo doutor Ricardo Fernández, xefe de Sección de Enfermidades Infecciosas do Servizo de Medicina Interna do CHUO.

Nesta XXIª edición abordábanse tres temas principais: o Covid, as infeccións por microorganismos multirresistentes e os corenta anos da Sida. A Xornada está acreditada pola CFC do Sistema Nacional de Saúde e nela participaban 90 facultativos, a maioría dos hospitais de Ourense.

A pandemia Covid. A experiencia en Ourense

A pandemia Covid foi unha conmoción; obrigou a confinar á sociedade cunha crise sociosanitaria “á que tivemos que enfrontarnos desde o primeiro momento con toda dedicación, traballando en equipo todos os sanitarios, cunha especial unión. A Dra María Bustillo Casado fixo o MIR no noso hospital de Ourense entre 1995 e 1999 ; desde o 2000 traballou na Unidade de Infecciosas do Servizo de Medicina Interna, e recentemente foi nomeada Xefa de Servizo . Este Servizo de Medicina Interna asumiu “a maior parte dos ingresos derivados da pandemia Covid”; a Dra Bustillo envorcouse na atención día a día destes enfermos e coordinou novos dispositivos específicos para a atención aos infectados por virus SARS- CoV-2 como a Unidade de Atención ao COVID Persistente ou o Equipo de Seguimento Compartido de Atención Primaria-Hospitalaria ( ESCAH). Ela ten por tanto unha ampla base para darnos unha visión do que foi o Covid en Ourense; a súa experiencia profesional e persoal”, explica o doutor Ricardo Fernández.

Infeccións por microorganismos multirresistentes

Hai xa uns anos, en 2014, a Organización Mundial da Saúde (OMS) emitía un “Informe mundial sobre vixilancia da resistencia aos antimicrobianos (RAM) ”, o primeiro de carácter mundial que recoñecía a realidade deste problema que pode afectar a calquera cidadán de calquera país e que supón unha gran ameaza para a saúde pública. Destacaba as infeccións que máis preocupaban en distintas rexións do mundo: tuberculose multirresistente, malaria resistente a cloroquina, E. coli resistente a fluoroquinolonas, Klebsiella pneumoniae produtora de carbapenemasas, Enterococo resistente a vancomicina, estafilococo meticilin resistente, Gonorrea resistente a cefalosporinas, entre outros.

“Desde entón o certo é que a RAM é cada vez máis un serio problema, unha realidade de dimensións insospeitadas. O mundo podería en pouco tempo enfrontar unha situación grave provocada por múltiples bacterias letais e resistentes a todos os fármacos. A OMS advirte sobre a necesidade de medidas urxentes para mellorar a prevención das infeccións e para o uso adecuado dos antibióticos se non queremos asistir a que infeccións comúns volvan ser potencialmente mortais ; tamén alenta a investigación de novos fármacos e diferentes estratexias para enfrontar este problema. Todas estas accións apuntan á consideración de “unha saúde” (“ Onehealth”), novo enfoque que recoñece as interaccións entre a saúde humana, animal e ambiental especialmente en relación á resistencia a antimicrobianos ( RAM) . A expansión mundial da RAM é unha pandemia silenciosa que para combatela é necesario concienzar a todos os actores implicados, desde as máximas autoridades sanitarias ata o último cidadán”, indica o doutor Ricardo Fernández.

Esta temática era abordada nas xornadas pola relatora doutora María Dolores Díaz López.Fixo o MIR no Hospital Gregorio Marañón de Madrid e traballou varios anos no Servizo de Infecciosas dese hospital. Leva 20 anos na Unidade de Infecciosas de Ourense. Coordina o programa PROA xunto a Farmacia para o uso adecuado de antibióticos, pertence á Comisión de Infección hospitalaria e política antimicrobiana do CHUO, asiste a diario a enfermos con infeccións graves e con problemas de RAM e ten publicacións nas mellores revistas españolas e internacionais sobre este tema.

“Corenta anos de Sida. Do abismo á esperanza”

En 1981 declaráronse os primeiros casos de SIDA en Estados Unidos. Ata 1996 non existían tratamentos eficaces e os pacientes con infección VIH morrían en menos de dous anos tras padecer múltiples infeccións oportunistas e tumores, a gran maioría deles en plena mocidade. “Os tratamentos antirretrovirais (TAR) foron un dos maiores éxitos da medicina moderna. Hoxe en día temos TARs eficaces e ben tolerados, que conseguiron a cronicidade da infección VIH, e freado a epidemia en moitos sitios do mundo. A mortalidade pola SIDA diminuíu enormemente pero aínda hai persoas que falecen por diagnósticos tardíos ou abandonos do TAR. A prevención da infección VIH (uso de preservativo na loita contra as enfermidades de trasmisión sexual) e o seu diagnóstico precoz seguen sendo prioritarias . Aínda que o uso de antirretrovirais ”xenéricos” permitiu estender o TAR en países con pobres recursos , o 52% dos 40 millóns de infectados no mundo non teñen acceso ao tratamento”, comenta o organizador das xornadas.

Esta cuestión era analizada nas xornadas polo doutor Josep Mallolas Masferrer, xefe da Unidade de VIH do Hospital Clinic de Barcelona, consultor sénior do Servizo de Infeccións do mesmo hospital. É profesor asociado de Medicina e co-director e profesor do Máster de SIDA da Facultade de Medicina da Universidade de Barcelona. Ademais, é investigador principal en numerosos estudos clínicos e de investigación translacional, sendo investigador do IDIBAPS dentro do equipo de Enfermidades Infecciosas e SIDA. As súas publicacións sobre Sida e Hepatite son de referencia no noso país e a nivel internacional. E moi importante , leva atendendo a infectados polo VIH desde o inicio da epidemia ; toda a súa vida profesional. Saberá comunicar moi ben esta visión dos 40 anos de SIDA.

Artigos relacionados

Back to top button