En portadaÚltima hora

XXV Festa das Covas de Vilamartín, o 5 de agosto

Imaxe da anterior edición da Festa das Covas de Vilamartín./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Ultímanse os detalles da XXV Festa das Covas de Vilamartín, prevista para o 5 de agosto, e que terá como limiar, o 4 de agosto, “A Pequena”, unha ruta na que se rende homenaxe aos coveiros, que son os que fan posible que cada ano poda celebrarse esta cita festiva.

Para facilitar a chegada do público á vila o día 5 ofrecerase un servizo gratuíto de autobuses con saídas dende A Rúa (ás 19:40h.) e O Barco (ás 20h.) e con regreso ás tres da madrugada. Así na tarde dese día a festa envolverá cada recuncho das rúas vilamartinesas que acollen a ruta. Nesta edición abrirán as súas portas, a partir das 20:30h., en torno a 45 covas.

A venda de entradas realizarase de forma anticipada (a través de vivetix.com) a un prezo de 15 euros, o mesmo que se se merca na tarde do 5 de agosto nos postos que se situarán nos dous accesos á ruta. Con cada entrada, os participantes recibirán unha cunca de barro e un pano, cuxa cor varía en cada edición. Nesta non haberá límite de aforo, a diferenza do que acontecía no 2022.

Cunca en man, o público poderá acceder ao interior destas adegas soterradas para degustar os seus viños artesáns (brancos e tintos), acompañados por unha gran variedade de pinchos, entre os que non faltarán as empanadas, embutidos, queixo, e tamén algún doce, como a bica. Haberá ata 4 charangas tocando ao longo da zona da festa.

As adegas pecharán as súas portas arredor da medianoite. A partir de aí, a festa mudará de escenario e a música cobrará protagonismo da man da Dj Chus Lestayo, que actuará na zona da Eirexa ata ben entrada a madrugada, poñendo así o broche a esta popular celebración.

Esta XXV Festa das Covas será organizada pola Asociación de Coveiros de Vilamartín en colaboración co Concello. Ademais nesta edición a festa contará cun plan de seguridade (dispoñendo dunha ambulancia, Protección Civil de Vilamartín e seguridade) para mellorar o desenvolvemento da mesma.

Artigos relacionados

Back to top button