OurenseÚltima hora

1,4 millóns de euros para eliminar as verteduras incontroladas ao río Limia, canalizándoas cara á EDAR municipal

Esta mañá asinábase o convenio de colaboración entre a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e o Concello de Xinzo de Limia

 

José Antonio Quiroga, presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), e Elvira Lama, alcaldesa do municipio ourensán de Xinzo de Limia, asinaban hoxe o convenio de colaboración que posibilitará as actuacións de mellora de eliminación de verteduras e mellora da mobilidade nas marxes do río Limia no tramo urbano do municipio.

No tramo urbano do río Limia, ao seu paso pola poboación de Xinzo de Limia, existen verteduras ao río non conectados coa rede municipal que verten directamente sen ningún tipo de tratamento. Doutra banda, as marxes do río Limia, utilizadas a diario pola poboación de Xinzo para pasear ou para o uso da bicicleta están en mal estado de conservación, sendo necesario mellorar as súas condicións de mobilidade.

As obras de saneamento consistirán na recollida das verteduras da zona onde se atopa o antigo matadoiro Rubio, vertidos de construcións nas marxes da estrada de Baltar e Avenida de Portugal, así como outras verteduras de construcións na marxe esquerda do río Limia incluídos a zona das piscinas municipais, pavillón e resto de instalacións deportivas municipais. Estas verteduras canalizaranse ata un pozo existente no parque do Toural desde onde se transportarán ata a EDAR de Xinzo de Limia para o seu tratamento.

 

 

Por outra banda, o proxecto de mellora da mobilidade recollerá a construción dun carril bici con zona de peóns polas dúas marxes do río Limia entre a ponte da estrada de Baltar e o parque do Toural.

Segundo o convenio asinado hoxe, o investimento necesario para executar a primeira fase estímase en 1.420.000euros, incluíndo asistencias técnicas e expropiacións; financiada nun 80% pola CHMS e o 20% restante polo Concello.

“A colaboración institucional é a clave para conseguir proxectos importantes para preservar e mellorar a calidade das augas dos nosos leitos fluviais, sendo fundamental a implicación dos gobernos locais como canle de comunicación máis directo e claro, polo coñecemento que posúen das necesidades reais das zonas ás que representan”, concluía o presidente da CHMS.

Artigos relacionados

Back to top button