En portadaÚltima hora

20 alumnos dos concellos da Rúa, O Bolo e Larouco formaranse no obradoiro de emprego LABORU IV que comeza hoxe

Durará 12 meses e inclúe as especialidades formativas de albanelería, xardinería e forestal

 

Xa está en marcha a IV edición do obradoiro de emprego LABORU no que se formarán 20 alumnos dos concellos de Larouco, O Bolo e A Rúa (promotor).

Serás doce meses de curso nas especialidades formativas de albanelería, xardinería e forestal que arrincaban na mañá deste luns 11 de decembro na aula  multiusos do Centro Cultural Avenida da Rúa. Ali desenvolverase a parte teórica do obradoiro e hoxe, alumnos e equipo directivo e docente con María Dolores Pérez á fronte, eran recibidos polos representantes dos tres concellos, que lles deron a benvida desexando que aproveiten esta oportunidade para formarse e facilitar o seu ingreso no mundo laboral.

 

 

En representación do Concello da Rúa estaban os membros do equipo de Goberno José Vicente Solarat e Luis F. Gudiña quen lembrou que o obradoiro permitirá que “co voso esforzo e traballo poidamos levar a cabo obras importantes nos tres concellos, ademais dos coñecementos que vaiades adquirindo neste ano e a posibilidade de participar nas prácticas para o obxectivo final que é a incorporación a unha empresa”. Polo Concello de Larouco estaba a súa alcaldesa, Patricia Lamela, quen lembrou que “tedes doce meses para sacarlle bo partido ao obradoiro, nós dámosvos as ferramentas necesarias para o fin: a inserción laboral”. En representación do Concello do Bolo estaba o alcalde Alberto Vázquez que deu a benvida aos asistentes, asegurando que estará “para todo o que necesitedes”.

 

 

Dos vinte alumnos (seis para albanilería, sete para xardinería e sete para forestal), dez son do concello da Rúa que se encargarán do acondicionamento dunha pequena praza na Rúa Vella e dos vestiarios do campo de fútbol, da renovación de baldosas no Aguillón, de acondicionar o xardín na Estación do Tren, de traballos de xardinería e limpeza de zonas verdes; catro de Larouco que se encargarán de desbroces, coidado das zonas comúns axardinadas e a ampliación do despacho da Traballadora Social dentro do Concello; e catro do Bolo que levará a cabo a limpeza e mantemento dos camiños nos 28 pobos do municipio e mantemento de dúas zonas axardinadas, entre outros traballos.

 

 

Fotos e vídeos: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button