O Barco, 24 de novembro de 2019. Nos recentes días publicouse a noticia do peche do paritorio do Hospital de Verín, así como das Urxencias pediátricas, a partir do próximo día 1 de decembro.
Como asociación, queremos poñer de manifesto que estas noticias non reflicten máis que o continuo desmantelamento e peche de servizos que está a sufrir a sanidade pública comarcal, perdendo dereitos e obrigando ás familias para ter que desprazarse ás capitais de provincia para poder ser atendidas por servizos especializados.
Non podemos estar máis en desacordo coas razóns que o Sergas aduciu para tomar esta decisión. E despois pregúntanse por que a natalidade no rural segue baixando? E despois seguen criminalizando a aquelas mulleres que deciden parir nos seus fogares?
Por todo iso, a Asociación quere, por unha banda, mostrar a súa solidariedade coas familias afectadas e tamén a súa máis sinceira repulsa ante este tipo de políticas públicas que non fan máis que menoscabar os dereitos de todas e todos, especialmente da poboación máis vulnerable e carente de servizos públicos. A non atención ás mulleres e a redución dos seus dereitos tamén é violencia.
A Xunta Directiva da Asociación De Nai a Nai