Coincidían na corte dos Medici, en Florencia (Italia). Cando a pintora Artemisa Gentileschi o coñeceu, Galileo era o filosófo oficial. Alí tratáronse e despois, durante moito tempo, a artista e o astrónomo mantiveron correspondencia, que aínda se conserva. “Galileo aparecía nunha carta de Artemisa, pareceume moi curioso e así naceu esta outra obsesión pola súa figura”, confesaba o escritor Xabier Paz no Barco, na presentación da súa última novela “Galileo no espello da noite” (Xerais, 2019) na tarde do 7 de febreiro na biblioteca municipal.
Trátase da terceira peza dunha triloxía que se encetaba con “Renacer” (2008) e continuaba con “Aníbal e a Pintora” (2006), centrada en Artemisa Gentileschi, tal e como recordaba neste acto a concelleira de Cultura barquense, Margarida Pizcueta.
Por iso Paz considera que “Galileo no espello da noite” é “fillo de Artemisa Gentileschi. Ao atoparme con Galileo sentín a vertixe do incomensurable, e ese foi un dos problemas cos que me atopei porque nunca rematas de ler todo o que se escribiu sobre el”. Nesta presentación no Barco o autor afondaba no proceso de documentación realizado na elaboración deste obra, entre outros aspectos da mesma.
Fotos: Ángeles Rodríguez.