Ante a situación sanitaria que vive nestes momentos O Barco, con varios brotes de Covid, dende a Policía Local lémbrase a importancia de cumprir con todas as medidas de seguridade establecidas para evitar os contaxios. E, nese senso, estase a insistir á entrada dos colexios, para que os pais respecten a distancia social, co fin de evitar aglomeracións; tamén nos recreos dos institutos da vila para que os alumnos leven a mascarilla ou fumen nos lugares permitidos.
“Tratamos de concienciar a todos os sectores de idade da poboación da importancia de respectar as medidas, de feito, tamén lle insistimos niso á xente maior, que, por exemplo, vai xogar as partidas, para que usen as mascarillas e tamén os xeles hidroalcohólicos”, indican dende a Policía Local do Barco.