A dúas semanas para comezar unha nova tempada en Preferente, o Centro de Deportes Barco segue poñéndose a punto xogando un novo amigable con sabor a homenaxe.


Na tarde deste domingo 25 de agosto disputábase no campo municipal de Calabagueiros a IX edición do Memorial Miguel Fariñas, o partido co que o club vermello lembra a un dos seus presidentes máis querido, ao que asistía parte da súa familia (un irmán e sobriños), como uns afeccionados máis.

Antes de comezar o partido podía verse no campo a Nando adestrando con dous porteiros noviños, Denís Castro e Martín Fernández que marchan para Santiago. Tamén había tempo para os agasallos e o propio presidente do club, Nilo Ramos e o capitán, Rubén García, entregaban unha camiseta do CD Barco a Gelines Neira, seareira dos vermellos dende hai moitos anos xunto á súa familia, que estivo recentemente de aniversario.



Ámbolos dous detalles previos ao partido que enfrontaba sobre o terreo de xogo ao CD Barco de Lino Estévez e o Club Lemos de Juanlu. Un partido que se resolvía co 3-1 para o conxunto local con goles de Sidibé, Brian Prada e Carlos Cruz. O Barco proclamábase así campión desta edición do Memorial Miguel Fariñas.

Fotos e vídeos: O SIL.



