A organización ecoloxista Amigos da Terra, e o cole tivo de ciclistas Masa Crítica Ourense, uníronse hoxe, 15 de setembro, para a reivindicación mundial do PARK(ing) Day, coincidindo co inicio da Semana Europea da Mobilidade. Este evento consiste en converter unha praza de aparcamento nun xardín efémero ou temporal, transformando así o contexto urbano “para reclamar cidades máis vivibles e humanas”.
Así, a través desta iniciativa, “quixemos denunciar a primacía do coche na cidade e reivindicar a necesidade dun máis amplo e mellor espazo público”, declararon.
Desde as 11:00 horas ocuparon esta praza de aparcamento na zona azul na rúa Ramón Cabanillas, pagando o correspondente recibo da ORA para facer uso do espazo até as 15:00 horas.
Este colectivo manifestou o seu desacordo e decepción coa estratexia de mobilidade na cidade, “que están amosando unha preocupante incompetitividade e segue perpetuando na cidade problemas como a sobresaturación do tráfico a motor, e a falta dunha aposta por pacificalo para conseguir unha cidade máis amable”.
A misión do PARK(ing) Day é chamar a atención sobre a necesidade de espazos urbanos máis abertos, xerar un debate crítico ao redor de como está creado o espazo público, e para mellorar a calidade do hábitat urbano para a cidadanía.
Con esta actividade arranca a Semana da Mobilidade, na que seguirán realizando accións en prol dunha mobilidade sustentable en Ourense.