O Concello de Verín foi un dos premiados no VII Certame de Boas Prácticas, Dereitos da Infancia e Política Municipal de UNICEF no que se entregaron un total de 36 distincións, ademais de recoñecer a 56 cidades e localidades españolas como Cidade Amiga da Infancia.
A distinción concedida ao municipio ourensán, na categoría de “Dereito a un entorno familiar adecuado”, recoñece o programa “Kero-Kolo” por ser un proxecto a favor da infancia no que pais e menores, xunto cos monitores, aprenden a relacionarse entre eles. Tal como explican dende propio ente municiopal, “o programa verinense é un espazo de encontro que busca crear unha serie de actividades de interacción e participación entre os menores e as familias nas que se desenvolven iniciativas de educación infantil conxuntas e propostas por tódolos participantes”.
O alcalde de Verín, Juan Manuel Jiménez, foi o encargado de recoller o galardón acompañado pola concelleira de Benestar Social, Inmaculada Hervella, e a responsable do departamento de Educación Familiar, Ángeles González.