SanidadeÚltima hora

A área sanitaria ourensá oferta 72 prazas para os futuros residentes, que se incorporarán en maio

Dese total, cerca do 40 % corresponden á especialidade de Familiar e Comunitaria que nesta convocatoria oferta 21 para medicina e 7 para enfermaría

 

A Comisión de Docencia é a Unidade Docente Multiprofesional de Atención Familiar e Comunitaria, da Xerencia de Xestión Integrada de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras ofertan para o próximo curso un total de 72 prazas para a formación dos futuros residentes das distintas especialidades tanto para a atención hospitalaria como para a atención familiar e comunitaria.

Destas 72 prazas ofertadas na área Sanitaria ourensá case o 40 % corresponden á especialidade de Familiar e Comunitaria xa que oferta un total de 28 prazas e tamén cómpre subliñar que adquiren un maior protagonismo os residentes en formación pola rama da enfermaría especialista que representan xa cerca dun 25 % das prazas ofertadas.

Despois da realización, o pasado mes de xaneiro, do exame MIR, EIR e resto de probas que conforman a Formación Sanitaria Especializada a nivel nacional os aspirantes inician unha nova etapa na que teñen que tomar a decisión de elixir a especialidade desexada e o centro no que realizar a súa residencia. Para esta convocatoria o acto de adxudicación de prazas producirase a partir do mes de abril, efectuándose exclusivamente por medios electrónicos, e finalmente a toma de posesión e incorporación á mesma está prevista para o martes 7 de maio.

44 anos de docencia MIR en Ourense

O sistema sanitario público de Ourense ten unha dilatada experiencia na formación universitaria postgrao, con 44 anos de docencia, vía MIR, nas distintas especialidades hospitalarias e, desde 1991, de Atención Familiar e Comunitaria, área na que conta coas especialidades de Medicina e Enfermería Familiar e Comunitaria (EIR). Contando tamén coas distintas especialidades de enfermería como son Obstétrico-Xinecolóxica (Matrona), Pediátrica e de Saúde Mental.

Para guiar aos futuros especialistas ao longo de toda súa etapa de formativa, e coordinar súa formación teórico-práctica, o Servizo Galego de Saúde conta en Ourense con preto dun centenar de titores e colaboradores, repartidos nas 22 unidades de docencia, unha por cada especialidade, contando ademais cunha Unidade Docente Multiprofesional de Atención Familiar e Comunitaria que obtivo o recoñecemento e a acreditación de calidade ISO 9001:2015.

Ademais do Hospital Universitario de Ourense, a provincia conta con dez Centros de Saúde e SAP (Servizos de Atención Primaria) acreditados polo Ministerio de Sanidade para a formación postgrao, o SAP Valle Inclán, CS A Ponte, SAP Novoa Santos-O Couto, CS A Cuña, SAP A Carballeira, CS Xinzo de Limia, SAP Carballiño, SAP Verín, SAP de Allariz e SAP Celanova.

A duración da etapa de aprendizaxe dos novos residentes depende da especialidade elixida. A maioría completarán no centro que elixan un mínimo de catro anos, cinco no caso das disciplinas cirúrxicas, Medicina Intensiva, Oncoloxía Médica, Psiquiatría e da Medicina Interna, e dous nas especialidades de enfermería.

Polo tanto as persoas ás que se adxudique praza tomarán posesión da mesma no centro ou unidade docente correspondente entre os días 6 e 7 de maio, estando fixada para ese martes 7 de maio de 2024 como a data de inicio do período formativo e o acto de benvida no Hospital Universitario de Ourense.

 

 

Reparto das 72 prazas por especialidades

A Xerencia de Xestión Integrada do Servizo Galego de Saúde en Ourense oferta formación posgraduada, nun total de vinte e dous especialidades médicas (MIR), farmacia (FIR) e psicoloxía clínica (PIR), e catro especialidades de enfermería (EIR). Por vez primeira na súa historia incorpórase a esta oferta de prazas a especialidade de dermatoloxía médico-cirúrxica e venereoloxía que ten unha crecente demanda nos últimos anos nas preferencias dos futuros residentes á hora de escoller a súa especialidade.

Dentro das especialidades médicas ofértanse as seguintes prazas: 2 para medicina interna, 1 para aparello dixestivo, 1 para medicina preventiva e saúde pública, 1 para medicina do traballo, 1 para nefroloxía, 1 para oncoloxía médica e 1 para pneumoloxía.

Nas especialidades cirúrxicas ofértanse as seguintes: 1 para anxioloxía e cirurxía vascular, 1 para cirurxía xeral e dixestiva, 1 para cirurxía ortopédica e traumatoloxía, 1 para dermatoloxía, 1 para oftalmoloxía, 1 para otorrinolaringoloxía e 1 para uroloxía.

Nas especialidades de servizos centrais ofértanse as seguintes: 3 prazas para anestesioloxía e reanimación, 1 para medicina intensiva, 1 para análises clínicas, 1 para farmacia hospitalaria, 2 para radiodiagnóstico e 1 para hematoloxía e hematoterapia.

No que respecta a unidade multiprofesional de pediatría: 3 prazas para médicos de pediatría e 2 para enfermeiras especialistas en pediatría.

No que respecta a unidade multiprofesional de saúde mental: 3 prazas para médicos de saúde mental, 3 para psicólogos clínicos e 6 para enfermeiras especialistas en saúde mental.

No que respecta a unidade multiprofesional de obstetrícia e xinecoloxía: 1 praza para médicos de obstetricia e xinecoloxía e 2 para enfermeiras especialistas en obstetricia e xinecoloxía.

Por último no que respecta a Unidade Multiprofesional de Familiar e Comunitaria ofértanse: 21 prazas de medicina familiar e comunitaria e 7 prazas para enfermeira especialista.

Durante os últimos días moitos dos aspirantes contactaron coa Comisión de Docencia e a Unidade Multiprofesional Familiar y Comunitaria a través dos enderezos electrónicos habilitados: docencia.chou@sergas.es e unidadedocente.ourense@sergas.es para coñecer de primeira man aos seus futuros titores e residentes maiores, visitar as instalacións do Hospital Universitario de Ourense e coñecer e preguntar todo aquelo que lles interese, e aclarar calquera dúbida.

Artigos relacionados

Back to top button