OurenseÚltima hora

A AXEGA dá catro pautas para identificar á velutina e determinar o grao de urxencia na retirada de niños

Recorda que para avisar da presenza de avespas, os usuarios poden utilizar o número da Xunta 012, salvo que a colocación do niño supoña un risco para persoas alérxicas, enfermas ou menores en cuxo caso poden marcar o número único de emerxencias 112​
Imaxe dun niño de velutina./ Foto: A.R.

Co fin de facilitar aos servizos de intervención a planificación para a retirada de niños de velutina, a Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA) da Xunta de Galicia presenta catro pautas que poden axudar a identificar a especie invasora desta avespa. Así, os técnicos da AXEGA insisten en que a observación do tamaño e cor do insecto, como tamén a forma e colocación do niño permitirá diferenciar a velutina e colaborar cos equipos de intervención na obtención da información necesaria para optimizar a súa eliminación.

Por tanto, antes de proceder a pedir asistencia para a xestión da incidencia, será necesario, segundo a AXEGA, obter, “na medida do posible e sempre sen comprometer a seguridade, unha serie de datos de importancia para a identificación da especie, clasificación da incidencia e organización da actuación. Deste xeito, e mantendo sempre a distancia de seguridade de cinco metros do niño, debemos observar o tamaño do insecto, se é maior ca avespa autóctona; e a cor, se ten as patas amarelas e a cabeza e torax case negros”.

No que respecta aos niños, sinálase que se debe prestar atención a dous aspectos. “Por unha banda, a súa forma, que no caso dos das avespas velutinas seméllase a unha pera; e, pola outra, á súa colocación. Neste senso, será necesario saber se está pendurado dunha árbore, por exemplo, e que tipo de especie arbórea é, así como a que altura aproximadamente. Tamén, teremos que indicar se a árbore foi marcada co fin de sinalizar a presenza dun niño de avespas velutinas”.

Recoller toda esta información, proseguen dende a AXEGA, será de grande axuda para os equipos de intervención por canto lles facilitará a planificación da retirada dos niños. Ademais, recórdase que “unha vez que dispoñamos dos datos necesarios podemos chamar ao teléfono da Xunta de Galicia 012 para avisar da presenza do niño, ou ao número único de atención ás emerxencias 112 sempre e cando a súa localización supoña un risco para persoas alérxicas, enfermos ou menores”.

Desta forma, cando o niño se atope en vivendas habitadas por persoas alérxicas ou en establecementos singulares ou de pública concorrencia, como centros educativos, igrexas, hospitais, centros de saúde, oficinas públicas, edificios administrativos, parques infantís, consistorios, pavillóns, beirarrúas, paseos peonís; os usuarios poden marcar o 112, xa que a presenza do niño pode constituír un risco para as persoas e urxir a súa retirada.

Noutros casos nos que as avespas estén aniñadas en fincas particulares e pechadas, en chan rústico ou de uso forestal ou en vivendas deshabitadas ou habitadas por persoas non alérxicas, os usuarios poden chamar ao 012 e facilitar aos equipos de intervención a información recollida previamente para facilitar a eliminación.

Artigos relacionados

Back to top button