CulturaCulturaGalerías de fotosMúsicaÚltima hora

A enerxía, frescura e tradición da música de Tanxugueiras fan vibrar ao Barco

As cantareiras, acompañadas por unha banda de catro músicos, actuaban no marco do ciclo “De Perto” no Teatro Lauro Olmo

Pandeiros, pandeiretas, bombos, triángulos, cunchas e mesmo sarténs e chaves. E, por suposto, a engaiolante e exquisita sonoridade das súas voces. Con este abano instrumental as Tanxugueiras subíanse ao escenario do Teatro Lauro Olmo do Barco na noite do 6 de xullo para presentar o seu primeiro disco, que leva o nome do grupo.

Enchían a sala ritmos da tradición galega envoltos na frescura, enerxía desbordante e simpatía destas tres cantareiras, chegadas dende as zonas de Teo e do Barbanza: Aida Tarrio e as irmás Sabela e Olaia Maneiro.

Comezaban con varias pezas de corte tradicional en solitario e incorporando, xa a partires do tema “Aí a ribeira”, ao resto de músicos da súa banda: Cibrán Seixo (violín), Rubén Fernández (acordeón), Isaac Palacín (percusión) e José Manuel Díaz (baixo).

No decurso da actuación ían despregando unha mestura de ritmos tradicionais, e outros non tanto, con letras que falan do amor, do desamor e de recordos como “Non cho sei” ou “Glasgow” e ata da liberdade e mesmo do empoderamento feminino en pezas como “Que no cho neguen”. Dende muiñeiras ata conexións con rexistros como pode ser o pop, o jazz ou o blues, as cantareiras amosaban a súa forma de entender a música e de compartila coa xente.

 

As cantareiras e os músicos que as acompañaban, ao final do concerto no Barco./ Foto: A.R.

E co público do auditorio barquense en pé e bailando ao son habaneiro de “Cuba, que bonita es Cuba”, composta por Sabela Maneiro (tal e como ela contaba no escenario), concluía o primeiro e intenso concerto das Tanxugueiras, consideradas un dos grupos revelación da música tradicional galega, no Barco.

Fotos: Carlos G. Hervella/ A.R.

Artigos relacionados

Back to top button