
Case 200 persoas participaban na cata popular da 52ª Feira do Viño do Ribeiro, que se celebraba na primeira fin de semana de maio en Ribadavia. Este concurso, no que o público final cata e premia os vinos das adegas e colleiteiros presentes no recinto feiral da Alameda de Ribadavia, desenvolvíase na igrexa da Madalena. Alí valorábanse con cata cegas 19 viños brancos e 13 tintos.
Os resultados das votacións e, polo tanto o nome dos premiados, dábanse a coñecer no broche da feira, na tarde do 3 de maio. Na categoría de Viños Brancos de Adegas o mellor viño era o Ramón do Casar Treixadura 2.014, de Ramón do Casar, S.L; mentres que na categoría Viños Brancos de Colleiteiros levaba o primeiro premio Alter 2.014 de Viña da Cal, S.L. e o viño Antonio Montero Autor 2.014 de Antonio Montero Sobrino recibía o segundo premio. Por último, na categoría de Viños Tintos o ganador era Viña do Campo Mencía 2.013 de Bodegas Docampo, S.A. e o segundo premio recaía en Tear dos Dodi 2.014 de Amalia Diéguez Martínez.
Ademais distinguíase como Mellor Catador de Viños Tintos a José González Méndez de Ourense, e na categoría de Mellor Catador de Viños Brancos producíase “un empate técnico”, polo que se premiaba a dúas persoas: a Montse Valije Martínez, veciña de Salvaterra de Miño, e a Noel Alvarado Hemilla, de Ourense. Estes premios outórganse ás persoas que máis se acheguen aos resultados finais dos viños premiados.
Estes galardóns “recoñecémolos de suma importancia, pois é o público o os que os outorga. O consumidor recoñece e traslada nestes premios as súas preferencias e gustos, polo que non cabe máis que salientar o seu valor”, destacaba no acto de entrega o presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro, Miguel Ángel Viso. Así mesmo resaltaba o gran potencial dos viños da colleita 2.014 indicando que “o traballo que se está a desenvolver na nosa Denominación de Orixe está a obter os seus froitos”, polo que quixo ademais felicitar “ás adegas e colleiteiros do Ribeiro” e convidalos a que continúen nesa liña de traballo, primando a calidade nos seus viños.
Pola súa banda, o alcalde de Ribadavia, Marcos Blanco sumábase ás felicitacións para adegueiros e colleiteiros, e agradecía a participación de todos aqueles que se implicaron nesta 52ª Feira do Viño do Ribeiro.
Dende a organización tamén destaca que esta edición finaliza “cun importante éxito en canto á participación do público”, que respalda deste xeito á nova liña organizativa da mostra, “onde a calidade e a innovación se mesturan coa tradición e a cultura do viño. Dende o Concello apóstase por seguir traballando na mellora e na oferta de propostas que atraian ao público e que estean á altura do que o viño do Ribeiro é merecedor”.