EconomíaEconomíaÚltima hora

A II Festa da Cervexa de Verín congrega a máis de 7.000 persoas ao longo de 3 días

"Todos os expositores aseguran estar moi satisfeitos, superando as súas expectativas de venda", segundo o alcalde de Verín, Gerardo Seoane

II Festa da Cervexa de Verín./ Foto: Concello de Verín.

 

A segunda edición da Festa da Cervexa de Verín congregaba a máis de 7.000 persoas ao longo dos tres días de celebración. Unha cifra que supera en máis de 2.500 asistentes á do ano anterior e que confirma a crecente popularidade deste evento.

“O evento foi un éxito e superou todas as nosas expectativas, non só en canto á cantidade de xente que acudiu, senón tamén á cantidade de produtos que se vendeu na mesma. Todos os expositores aseguran estar moi satisfeitos, superando as vendas previstas”, explicou o alcalde de Verín, Gerardo Seoane. Así pois, desde as diferentes distribuidoras cervexeiras instaladas na carpa confirman que se abriron, aproximadamente, 170 barrís de cervexa para servir as máis de 7.000 persoas que visitaron o recinto durante os días 7, 8 e 9 de outubro.

 

 

Cabe destacar tamén a importancia que tiveron nestes bos resultados as obras de adecuación que se están a realizar na zona verde de A Preguiza e que, “sen dúbida, converterán a este novo enclave natural nun dos centros neuráxicos das grandes celebracións da vila”, destacou o rexedor municipal.

Completa oferta cultural

Ademais das degustacións gastronómicas e cervexeiras, o evento contou con amenización musical en directo dentro e fora da carpa. O sábado e domingo, ao mediodía, actuou a Banda de Gaitas do Concello de Verín.

Os grupos “Guezos” e “La Banda de Ayer” foron os pratos fortes musicais programados para as noites da Feira. Tamén houbo actividades enfocadas aos mais pequenos da casa, que puideron desfrutar o domingo 9 co espectáculo infantil “Cómicos da legua na raia seca” da compañía Viravolta Títeres e con divertidos inchables durante toda a fin de semana.

Fotos: Concello de Verín.

Artigos relacionados

Back to top button