En portadaÚltima hora

A mostra “Reencontro” de Cochorro inclúe pezas creadas con árbores queimadas no incendio do 2022 en Valdeorras

Inaugurarase o vindeiro 29 de novembro ás 20h. no Centro Cultural Marcos Valcárcel en Ourense

 

Pezas en madeira, pero tamén en pedra, coa súa habitual mármore de Biobra. A escultura do valdeorrés Luis Fernández González “Cochorro”, natural de Rubiá, exporase na cidade de Ourense neste mes de decembro. O artista inaugurará a mostra “Reencontro” o vindeiro 29 de novembro ás 20h. no Centro Cultural Marcos Valcárcel. “Supón un reencontro coa cidade e co público ourensán despois dunha década”, explica Cochorro.

Este creador leva case medio século dedicado á escultura e nesta mostra amosará unha escolma das obras realizadas nesta última década que se moven nunha sutil liña entre a figuración e a abstracción. Serán unhas trinta obras, entre as que figuran algunhas das súas icónicas maternidades así como pezas moi recentes creadas en madeira, material no que se vén centrando ultimamente. Entre elas están catro obras realizadas con raíces de árbores queimadas, principalmente castiñeiros, no incendio forestal que arrasaba Valdeorras no verán do 2022. “Reflexan a idea dunha última floración, nun caso é como unha flor carnívora, noutro unha chama e unha especie de destrución e log outra flor marchita que aparece como caéndose”, adianta Cochorro.

 

O escultor Luis Fernández “Cochorro”, xunto a varias das súas pezas./ Foto: A.R.

 

Tampouco faltarán nesta exposición esculturas en mármore de Macael e dun gran fomrato, como outras na súa mármore de Biobra. Desta última Cochorro destaca como singularidade que, “unha vez feita si que pode ser diferente, ten un color que non lle ves ata que acabas de pulir, e iso xera unha certa sopresa. Resulta algo parecido ao que pasa coa cerámica que, ata que non sae do forno, non sabes como vai ser. Entón aporta esa sorpresa de cando empezas a pulir, cando lle ves os colores que, unhas veces axudan, pero, outras veces unha veta pódeche romper unha liña. Ten iso, e incluso nalgunhas pezas ao principio veslle unhas formas que parece que te atan, e vaslle buscando solución, iso leva a que esteas enganchado coa figura ata que sae adiante. É unha loita contra a pedra, neste caso, ou a madeira, a ver que lle sacas”.

Mergullarse no universo de formas, liñas, figuras e volumes escultóricas de Cochorro será posible a partir do vindeiro 29 de novembro en Ourense.

Fotos cedidas.

 

Artigos relacionados

Back to top button