As seis fontes léxicas principais na obra de Florencio Delgado Gurriarán, o interese lingüístico de Valdeorras na súa escrita e a relación do poeta con outros autores de zonas próximas. Estes eran os elementos centrais do relatorio da filóloga vianesa Concepción Álvarez Pousa no simposio da Real Academia Galega (RAG) sobre este autor vilamartinés, que se iniciaba onte na súa sede na Coruña. Esta filóloga vianesa, doutora en lingüística, era unha das participantes nunha mesa redonda moderada polo presidente da RAG, Víctor F. Freixanes. Xunto a ela estaban o académico correspondente Ramón Nicolás, a directora de “As Letras de Florencio”, Débora Álvarez, e o catedrático da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, Xosé Manuel Dasilva.
“Para min, nada e criada na terra de Viana do Bolo, pero de corazón valdeorrés e tamén berciano, dado que son filla de pai berciano e nai vianesa, é unha grande honra participar no evento co que a Real Academia Galega lle pon o ramo aos diversos que nestes actos lle dedicou ao poeta valdeorrés”, dicía ao inicio da súa exposición Álvarez Pousa, para despois resaltar que “a lingua literaria de Florencio é esencialmente a lingua viva do pobo, a da xente de Valdeorras, aínda que tamén presenta outros elementos. No plano léxico é onde mellor se percibe esa lingua popular e dialectal”.
Ademais lembraba que o autor corgomés desenvolve a súa lírica no transcurso de 5 décadas, “por ende, dende o seu primeiro poemario de Bebedeira ata o Soño do guieiro, hai certa muda no léxico que emprega, camiñando dende unha poesía de vangarda hilozoísta, moi nutrida en termos propios de Valdeorras e comarcas próximas e enxebrismos; ata chegar a unha poesía satírica e socialpatiótrica, con diversas referencias culturais de base máis elaborada e máis característica do galego protoestándar e estándar”.
A partir de aí, Álvarez Pousa analizaba, unha a unha e botando man de multitude de exemplos e referencias, as seis principais fontes léxicas das que bebe a obra de Florencio. Así, en primeiro lugar sinlaba que a súa é “unha lingua popular depurada de castelanismos e apoiada polo recurso do portugués, principalmente. Na escrita do autor asistimos a diversos tipos de fontes de arrequentamento léxico que se afastan do galego común, por unha banda os arqueísmos, que deixan unha pegada medieval na lingua do poeta, os diferencialismos, os hiperenxebrismos cos que o poeta se afasta do castelán”.
En segundo lugar, esta investigadora apunta que a lingua do corgomés está “marcada amplamente polos termos dialectais de Valdeorras e zonas estremeiras e polas formas específicas do seu entorno”. Neste senso, comentaba a singular situación xeográfica desta comarca e as súas implicacións lingüísticas. “Valdeorras é estrema coa comarca luguesa de Quiroga, coas ourensáns de Viana e Terra de Trives, coa bisbarra leonesa do Bierzo de fala galega na súa parte occidental, co concello zamorano galegófono de Porto e coa comarca leonesa de La Cabrera. Isto contribúe a que a fala valdeorresa tamén reciba influencias lingüísticas destes territorios e que as peculiaridades valdeorresas tamén se espallen a outras zonas próximas nun cotinuum dialectal”.
De aí, engadía, que o valdeorrés garde “moita semellanza co vianés no seu conxunto. Como ben sinala Prieto Rodríguez hai máis de seis décadas, a fala das Terras de Viana diferénciase ben das bisbarras veciñas, menos da de Valdeorras coa que ten mutas semellanzas e aínda que ten sinaladas diferencias se cuadra non bastan para consideralas unha parte da outra, senón como unha soa forma dialectal“.
Álvarez Pousa resaltaba ademais que “a especial admiración do poeta polo valdeorrés quedou patente no dicionario desta variedade que pretendía levar a cabo e, pese á estancia curta que pasou en Valdeorras, non deixou de recadar datos e interesarse por cuestións lingüísticas nesa especial ilusión que tiña de elaborar un dicionario de valdeorrés, posto que era moi consciente de que na lingua inicial que aprendera había formas moi diferentes ás do galego común”. Neste punto, a relatora aludía de xeito especial a seu uso dos topónimos. “Aínda que non se trata de unidades propiamente de significado, debemos facer referencia aos topónimos xa que achegan tamén esa interiorización da fala valdeorresa e reflicten a fidelidade do autor polo ámbito que o rodea, ao que se suman os nomes do seu entorno máis próximo”.
Cedida.
Por outra banda, a filóloga vianesa aludía á influencia da tradición literaria na lingua de Florencio. “Froito da inestabilidade da lingua no tempo no que desenvolve o poeta corgomés a súa produción, a súa lírica fortalécese así mesmo con léxico que entra por vía da tradición literaria da man doutros autores”. Unha lingua que se ve reforzada ademais “coa presenza de estranxeirismos propios de linguas europeas modernas. Rexístranse principalmente anglicismos, galicismos, pero tamén algún termo do noruegués, máis a orixinalidade destaca nos poemas mexicanos de Galicia infinda, onde se rexistran diversos termos da lingua amerindia nahualt”.
Ademais, apuntaba que a lingua de Florencio tamén está “marcada polos cultismos nese camiño cara a lingua elaborada. Amais do léxico patrimonial, a escrita do autor vai evolucionando cara unha lingua máis elaborada con frecuentes cultismos, principalmente nos últimos poemarios”. E, finalmente, indicaba que estaba “rnriquecida pola derivación e composición como procedemento de formación de palabras”.
Álvarez Pousa salientaba que na lírica florenciana “o elemento fundamental é o valdeorrés. Este feito é máis patente aínda dado o carácter reiterativo de varias composicións en poemarios posteriores. E por esta premisa que a principal fonte léxica son as formas dialectais, xunto ao galego diferencialista que vai estar presente nos poemarios posteriores, pertencentes a outros periodos de estandarización”. E concluía asegurando que “a poesía de Florencio Delgado Gurriarán é unha oda á comarca de Valdeorras, pero tamén é un himno aos que, coma el, loitaron por Galicia na fría escuridade da guerra e do desterro. Unha lírica que se expresa na lingua viva do pobo, cantada na fala do seu Córgomo natal”.
Tras a súa intervención, o presidente da RAG destacaba a “achega moi ilustrativa e moi documentada” da vianesa. Comentando ademais que cuestións como as expostas tívoas moi en conta a RAG “cando acordou dedicarlle as Letras Galegas a Florencio. Por unha banda, buscábase reivindicar, ademais da obra de Florencio Delgado Gurriarán, a súa riqueza e as súas distintas maneiras de lela e de gozala; a memoria do exilio de México, fundamentalmente, que está aquí, e por primeira vez que se viaxase ás terras de Valdeorras e á lingua de Valdeorras con toda a riqueza que ten”.
Imaxes: RAG.
Vídeo cedido.