En portadaÚltima hora

A Rúa, entre os concellos ourensáns que veñen de recibir material para a loita contra a velutina

Só no que vai de 2018 retiráronse na provincia de Ourense un total de 1.711 niños desta especie invasora, segundo a Xunta
Representantes dos concellos, entre eles o da Rúa, que recibiron material da Xunta para a loita contra a Vespa velutina.

Na mañá do 23 de outubro dez concellos da provincia adheridos ao Plan de vixilancia e control da Vespa velutina da Xunta de Galicia veñen de recibir material para a loita contra esta especie invasora. Entre eles estaba A Rúa, representado polo seu alcalde, Luis Fernández, e por membros de Protección Civil deste municipio valdeorrés.

Así dende a Xunta entregáronse pértegas aos concellos de Porqueira, Riós, A Rúa, Sandiás e Sarreaus, que xa se incorporaran anteriormente ao plan, e ao concello de Ribadavia, que participa nel a través do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) con sede nese concello. Do mesmo xeito, entregáronse outros dous equipos de protección individual ao concello de Avión, que tamén intervén no plan a través do GES.

Ademais doutouse aos concellos de Os Blancos e Xunqueira de Ambía de dous equipos de protección individual e unha pértega, e ao Concello de San Xoán de Río dous equipos de protección individual, logo de adherirse como concellos colaboradores ao Plan de vixilancia e control para a loita contra a Vespa velutina.

 

Á esquerda, o alcalde da Rúa xunto a membros de Protección Civil, no acto de entrega do material.

 

Coa incorporación destes tres concellos, o plan pasa a contar con 124 municipios galegos que colaboran coa Administración autonómica na retirada dos niños deste insecto invasor. No caso da provincia de Ourense son 31 os concellos adheridos ao citado plan: Allariz, Amoeiro, Baños de Molgas, Barbadás, Boborás, O Carballiño, Castrelo de Miño, Coles, Cortegada, Chandrexa de Queixa, O Irixo, Maceda, Manzaneda, Nogueira de Ramuín, Oímbra, Parada de Sil, A Peroxa, Piñor, A Pobra de Trives, Porqueira, Rairiz de Veiga, Riós, A Rúa, San Cristobo de Cea, Sandiás, Sarreaus, San Xoan de Río, Toén, Vilariño de Conso, Xinzo de Limia e Xunqueira de Ambía.

Ademais dos concellos colaboradores, participan nos labores de retirada de niños os Grupos de Emerxencias Supramunicipais, que en Ourense están adscritos aos concellos do Barco de Valdeorras, Avión, Castro Caldelas, Celanova, A Gudiña, Laza, Lobios, Muíños, Pereiro de Aguiar e Ribadavia, así como persoal da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, e da Consellería do Medio Rural.

Durante o ano 2017 retiráronse ou inactiváronse en Galicia 23.676 niños desta avespa. Deste total, 14.493 foron na provincia da Coruña, 6.121 na de Pontevedra, seguida da de Lugo con 2.433 e finalmente Ourense con 629 niños. No que levamos do ano 2018, a través deste plan retiráronse ou inactiváronse 17.507 niños: 9.560 en A Coruña, 1.816 en Lugo, 1.711 en Ourense e 4.420 en Pontevedra.

Artigos relacionados

Back to top button