
A provincia de Ourense converterase un ano máis en referente das músicas e bailes tradicionais do mundo coa celebración, do 7 ao 16 de agosto, das XXXVIII Xornadas de Folclore, organizadas pola Deputación de Ourense a través do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo. Na presente edición participarán seis agrupacións folclóricas procedentes de Sudáfrica, Arxentina, Bolivia, Ecuador, Tahití e Ucraína, que actuarán en quince vilas da provincia, ademais da capital.
O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, participaba na mañá deste martes 1 de agosto na presentación do programa, acompañado pola xefa de servizo de Coordinación Cultural da Xunta de Galicia en Ourense, Sandra Quintas, e o coordinador das xornadas, Julio Fernández Senra.

Luis Menor expresou “o máis decidido apoio” a unha das actividades culturais máis importantes de cantas organiza a Deputación ourensá”. Ao redor de15.000 artistas de 400 agrupacións, procedentes dun cento de países dos 5 continentes e cunha media de 25.000 espectadores en cada unha das 37 edicións “son cifras que dan conta sobradamente do peso que teñen as Xornadas de Folclore no noso mundo cultural”, dixo.
O presidente da Deputación destacou ademais a oportunidade que ofrece este evento para “dar a todos os ourensáns a oportunidade de asistir a espectáculos de nivel internacional. Neste sentido apuntou a presenza da agrupación procedente de Ucraína, “un momento especial para os preto de 400 cidadáns ucraínos –sobre todo mulleres e rapaces- que chegaron á nosa provincia fuxindo da invasión rusa”.
Sandra Quintas, entre tanto, afirmou a garantía do éxito e da continuidade das xornadas radica “na promoción cultural e na dinamización das nosas vilas”, onde esta cita “é moi especial para os ourensáns”. Un espazo de intercambio cultural, apuntou, no que tamén cómpre sinalar “o exemplo de colaboración institucional”.

O coordinador das Xornadas de Folclore, Julio Fernández, detallou o programa da presente edición, que visitará Allariz, A Rúa, Bande, O Barco, Carballiño, Castro Caldelas, Celanova, Entrimo, Maceda, Manzaneda, Ribadavia, Trives, Verín, Viana e Xinzo de Limia. En cada unha destas localidades participarán dúas agrupacións, presentando un total de seis espectáculos folclóricos diferentes, dous por agrupación.
Julio Fernández explicou que a distribución de localizacións pola provincia deseñouse “pensando en facilitar o acceso ao maior número de xente posible, de tal xeito que os espectadores que así o desexen poderán ver ata dous espectáculos en datas diferentes pola proximidade das vilas”. En Ourense, onde como xa é tradicional celebrarase a cerimonia inaugural, e máis en Ribadavia, onde rematan as xornadas, participarán todos os grupos.
