CulturaCulturaÚltima horaVídeos

A tradición das campás, a súa sonoridade e o futuro dos campaneiros, no congreso internacional de patrimonio en Trives

O programa deste foro internacional comezaba esta tarde con catro expertos, tanto españois como doutras partes de Europa

 

Coa presentación da Rede Internacional de Pobos para a Aprendizaxe (con varios pobos de oito nacionalidades, entre eles os de Trives e San Xoán de Río), o proxecto europeo LVIN-C por parte de membros de AHAS (Asociación de Historia e Arqueoloxía de Sabrosa en Portugal), da Universidade de Estremadura e das autoridades locais poñíase en marcha ás cinco da tarde deste venres 10 de novembro no Auditorio de Trives o congreso internacional “Patrimonio cultural e Patrimonio natural”, cun tema central que son os campás. A partir de aí dábase paso ao programa de conferencias expertos no tema chegados do Reino Unido, Portugal, Estremadura ou Comunidade Valenciana entre outros. Destas conferencias a Comisión Europea elaborará un libro que será utilizado como referencia a nivel europeo nesta temática.

 

 

Así interviñan Martín Gómez Ullate, da Universidade de Estremadura, quen falaba sobre as fontes para a educación patrimonial e a interpretación do patrimonio cultural das campás”; Mary Stakelum, do Royal Collage of Music do Reino Unido, cunha conferencia titulada “Campás, patrimonio cultural e educación musical” e, deseguido tomaba a palabra Vinçenc Debut da School of Superior Apllied Arts do Instituto Politécnico de Castelo Branco (Portugal) para tratar a acústica das campás. O programa desta tarde completábase con Francesc Llop, da Asociación Campanes, considerado un dos maiores coñecedores do tema das campás a nivel mundial. Na súa exposición abordaba o tema dos “campaneiros vellos, campaneiros novos: un cambio con futuro”.

 

 

Este foro continuará mañá sábado 11 de novembro cunha intensa axenda. As conferencias comezarán as 9:30h. Primeiro presentarase un traballo sobre arqueoloxía e patrimonio en Croacia, despois arqueólogos portugueses falarán da Espada de Mouruás (San Xoán de Río), que tras viaxar a Alemaña para investigar esta espada e presentar os seus primeiros resultados en Bruxelas contarannos a conexión entre a Ribeira Sacra e o Val do río Rhin en Alemaña. A continuación poderá coñecerse o proxecto de dixitalización da auga no Alto Douro Viñateiro (zona de viticultura heroíca en Portugal). As seguintes conferencias serán sobre os arquivos, a súa dixitalización e posta en valor para o desenvolvemento rural. Acto seguido os expertos europeos descubrirán o rescate e revitalización das viñas que está facendo a Adega A Corga de Trives. Investigadores da Universidade de Vigo do Proxecto Europeo Granular tamén presentarán o seu Living Lab e antes do parón para xantar, trataranse os temas de compostaxe e cosmética natural.

O sábado pola tarde, o grupo de campaneiros de Estremadura e o valenciano Francesc Llop realizarán un taller de toque de campás na igrexa parroquial de Trives. Por último, os asistentes participarán no magosto de Trives.

Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button