Na sesión que o pleno do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras celebraba esta tarde acordábase que a vindeira edición da Feira do Viño de Valdeorras terá lugar, novamente, na praza de Viloira (O Barco) na fin de semana do 8 e 9 de xullo. O presidente do organismo, José Ramón Rodríguez Castellanos, asume con “ilusión” a organización da que será a súa primeira feira do viño como máximo responsable do CRDO Valdeorras, na que vai traballar “intensamente e con rigorosidade”.
Rodríguez Castellanos asegura que dende o Consello Regulador buscarase a implicación doutras administracións e, particularmente, a do Concello do Barco para poñer en marcha unha completa proposta de actividades paralelas arredor do foro, que atraia á comarca a diferentes tipos de público pero, fundamentalmente, aos amantes da enoloxía.
“Sabemos que o enoturismo está de moda e en Valdeorras contamos con importantes activos e recursos para que aqueles que se acheguen ata nós, interesados inicialmente en coñecer os nosos viños, queiran repetir a experiencia e volver visitarnos en diferentes ocasións”, destacou Rodríguez Castellanos.
“O mellor escaparate para os viños da comarca”
Nas vindeiras semanas, dende o Consello Regulador ofrecerase información máis precisa sobre os horarios de apertura ao público do foro e, concretamente, sobre as diferentes iniciativas de ocio e lecer que se porán en marcha na fin de semana da feira.
“Trátase do mellor escaparate para os viños da comarca, unha cita que este ano acada a súa XXIV edición e que está plenamente consolidada na axenda de verán da provincia de Ourense, tal e como amosa o crecente número de asistentes que se rexistra en cada edición”, destacou Rodríguez Castellanos quen, ao mesmo tempo, quixo animar a todas adegas do territorio amparado a implicarse na iniciativa dando a coñecer os seus mellores brancos e tintos.
Por outra banda, o presidente do CRDO Valdeorras sinalou que, como é habitual, con anterioridade á celebración deste foro, o Consello Regulador porá en marcha unha nova edición da súa tradicional Cata Oficial dos Viños de Valdeorras, cuxos premios serán entregados nun acto dentro da fin de semana da feira.