Ao redor do papel dos concellos no ámbito estatal e da súa financiación fálabase durante o acto celebrado polo partido socialista no Barco para conmemorar o primeiro aniversación da constitución das actuais corporacións municipais. Tiña lugar ás dúas da tarde na praza do Concello do Barco e a el asistían alcaldes e concelleiros socialistas de Valdeorras, así como os cabezas de lista por Ourense do PSdeG-PSOE ao Congreso e ao Senado.
O rexedor do Barco, Alfredo García, que é asemade presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), era o primeiro en intervir para resaltar a importancia dos concellos. “O outro día o goberno central pactou coas comunidades autónomas máis de 8.000 millóns de euros en cesión de tributos e aos concellos vainos dar ao redor de 200 millóns. Iso é unha auténtica vergoña para o mundo municipal, un despropósito. Os concellos temos que estar na mesma mesa na que se sentan as comunidades autónomas e o goberno central debe repartir entre todos os cartos, en función dos servizos que presta cada administración”, destacaba.
Ademais insistía en que “non pode ser que o municipalismo por segundo ano consecutivo presente superávit nas contas públicas e que as comunidades autónomas presenten déficit por riba do que tiñan presupostado, e que aos concellos non nos permitan usar ese superávit máis que en cousas contadas. Esta é a petición do mundo municipal que vos fago para que a trasladedes tanto no Congreso como ao Senado. Este acto ten que servir para reivindicar o municipalismo”. Asemade Alfredo García poñía en valor o traballo dos alcaldes e concelleiros socialistas e matizaba que “a gran diferenza entre un concello gobernado polo partido socialista e outro gobernado polo PP na comarca de Valdeorras é que nos nosos concellos os voceiros e os concelleiros da oposición teñen acceso libre a todos os expedientes e a toda información municipal”.
Os dous candidatos socialistas ás vindeiras eleccións xerais do 26 de xuño recollían a petición do presidente da Fegamp. Así a número un ao Congreso por Ourense, Rocío de Frutos, lembraba que na recén finalizada lexistatura o PSOE xa “presentou como proposición non de lei a derogación da lei de racionalización do réxime local. Cando voltemos ao Congreso así se fará, para que os concellos poidan investir e executar gastos correntes para atender aos seus cidadáns porque niso se diferenzan os concellos socialistas, en que atenden ás persoas, atenden dende a solidariedade, dende a igualdade”.
Pola súa banda, Luis García Mañá, candidato ao Senado, apuntaba que na propia Constitución se recolle “a razón de ser do municipio como a célula principal da estrutura do Estado. É dicir, a Administración máis próxima e máis directamente relacionada cos cidadáns son os concellos, sen eles non se podería artellar a estrutura do Estado”. Tamén engadía que “os gobernos socialistas pensan na xente por riba doutras cousas, e a xente é a que forma os concellos”. Asemade expresaba o seu desexo de que “este aniversario deste ano se repita para o PSOE e para os concellos socialistas, mil primaveras máis”.
Fotos: Ángeles Rodríguez.