No verán de 2013 poñíase en marcha o proxecto de percorrer andando o traxecto da calzada Via XVIII, tamén coñecida como Via Nova e que unía hai dous mil anos as cidades romanas de Bracara Augusta e Asturica Augusta.
Cinco anos despois, os percorridos a pé que se fan cada verán, chegan agora a terras do oriente ourensán. En concreto percorrerase o sector das mansións Nemetobriga (Trives)-Gemestario (Portela de Aguiar, na fronteira leonesa).
Os participantes sairán ao redor das nove e media da mañá dende a igrexa de Vilamartín para, de seguido, dirixirse cara á Serra da Enciña da Lastra (Rubiá) e percorrer un treito da Via Nova, ademais de asistir a unha conferencia ao aire libre sobre esta estrada da época romana.
Xa pola tarde farase un traxecto en coche entre O Barco e Trives. Esta iniciativa será promovida, un ano máis, pola Fundación Aquae Querquennae/Via Nova e polas Cámaras municipais de Amares e Terras de Bouro (Portugal). A coordinación desta actividade correrá a cargo do profesor Antonio Rodríguez Colmenero.