O Liceo de Ourense foi o lugar elixido polo Parlamento de Galicia para realizar un acto de clausura do ano de Carlos Casares, homenaxeado no Día das Letras Galegas 2017. Un acto que estivo amenizado coas músicas da cantante galego-portuguesa María do Ceo.
A sala estivo ateigada de xente que representa as diferentes institucións nas que Casares participou ao longo da súa vida literaria e política. Así o dispuxo o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, na súa intervención.
Pero o encargado de abrir o acto foi o irmán do escritor, presidente do Liceo e presidente da Fundación Carlos Casares, Xabier Casares, que fixo un repaso por toda a vida literaria do seu irmán e salientou que “como viaxeiro, sempre levaba consigo un anaco de Galicia e da cultura galega”. Tras Casares, foi o presidente da Real Academia Galega (RAG), Víctor Freixanes. No seu discurso ateigado de saudade asegurou que “tiven a honra e a desgraza de substituír a Carlos Casares na cadeira de director da RAG”. Carlos Casares entrara “sendo moi mozo”, contou Freixanes, “tan só con 26 aniños”. Concretamente foi o 27 de maio de 1978. O presidente da RAG falou da participación de Casares na elaboración da construción do acordo ortográfico galego “facendo que Galicia dispuxera dun idioma propio para a vida pública e institucional”. Asemade, contou que o autor participou na elaboración da lei de normalización lingüística.
Outra das institucións nas que Casares tivo unha grande importancia foi o Consello da Cultura Galega, entidade que presidiu. O seu actual presidente, Ramón Villares, dixo da figura do autor ourensán que era “unha persoa que acreditou as institucións para o desenvolvemento social”. Reiterou que “sen a cultura a autonomía galega non existiría” e explicou que Carlos Casares artellou o Consello en tres direccións: “logrou a súa ampliación dentro da sociedade galega, foi difundindo a cultura galega por América e Europa e adaptou a cultura galega ás novas tecnoloxías, porque el era moi fan das tecnoloxías”, dixo Villares.
Pola súa banda, o presidente da Deputación, Manuel Baltar, quixo destacar de Casares que “antepuña sempre o galeguismo lonxe do sectarismo”. Baltar tamén mencionou que o autor “levou consigo a súa condición de ourensán aló onde fose” sendo tamén “un expoñente do espírito da ourensanía”.
Tamén o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, salientou ese espírito integrador de Carlos Casares, asegurando que “hoxe fan falta moitos homes e moitos pensamentos como os de Carlos Casares”. No eido local, o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, fixo unha enumeración das diversas iniciativas levadas a cabo pola cidade para honrar ao autor “como a de facelo fillo predilecto”.
O lado máis cómico e desenfadado de Carlos Casares sacouno o seu fillo, Håkan Olof Casares, que contou que o seu pai non era un home moi extravagante “que durmía con camisón”. A través disto contou unha anécdota que lle pasara nun convento. Deixando a un lado esa faciana, dixo que o seu pai “foi un home que predicaba a necesidade das institucións e o galeguismo, porque daquela a sociedade era pouco galeguista”. Ao mesmo tempo asegurou que o seu pai “traballou por globalizar a cultura galega”.
O acto pechouno o presidente da Cámara galega, Miguel Ángel Santalices. “Casares era un home que todo o facía ben”, así arrancou as súas verbas o presidente. “Toda a súa traxectoria está impregnada dunha enorme paixón por Galicia, foi un patriota galego”, aseverou. Ao igual que os outros intervintes, Santalices salientou a obsesión de Casares “de que Galicia tivese unha estrutura territorial sólida como a dos países máis avanzados en materia democrática”. Santalices aproveitou a ocasión para anunciar que o Parlamento de Galicia vai editar un libro con todas as intervencións parlamentarias de Carlos Casares porque “é a mellor homenaxe que podemos facerlle”, dixo o presidente.
Texto e fotos: Carlos Asensio.