CulturaCulturaÚltima hora

“Ao pasar Farlopa Fanzine ao papel vimos que a xente acaboulle dando máis importancia, converteuse nun símbolo en Verín”

Alejandro Nieves, codirector de "Farlopa Fanzine" participaba nunha xornada sobre medios impresos en galegos celebrada no Consello da Cultura Galega

Alejandro Nieves, codirector de Farlopa Fanzine, na xornada do Consello da Cultura Galega, xunto a tamén verinesa Ana Díez, que moderou a mesa de relatorios.

 

“Farlopa Fanzine no deixan de ser uns cantos folios dobrados con maior ou menor calidade, pero que adquiriron un simbolismo moi importante na nosa comarca de Verín”. Así o destacaba o seu codirector, Alejandro Nieves, na presentación que facía deste proxecto cultural na tarde do 10 de outubro no Consello da Cultura Galega en Santiago. Este xestor cultural verinés participaba na xornada “Realidade e perspectivas de futuro dos medios de comunicación en galego en soporte papel”, promovida pola Sección de Lingua, Literatura e Comunicación do Consello e coordinada por María Ángeles Rodríguez.

En concreto formaba parte da mesa de relatorios sobre publicacións especializadas, moderada pola xestora cultura e comunicadora verinesa Ana Díez, e da que tamén formaban parte Francisco Fernández Rei, membro do Consello de Redacción de “A Trabe de Ouro” e “Nova Ardentía. Revista de Cultura Marítima e Fluvial”; Alberte Sánchez, membro do Consello de Redacción de “Cerna” e Marta Cortés, profesora do IES Martaguisela do Barco e directora da revista deste centro de ensino, “Saldoira”.

Farlopa Fanzine é un proxecto que nace no rural e “coa pretensión de dinamizar a actividade cultural e a vida dentro da vila de Verín. Con Farlopa o que se pretende é apoiar proxectos culturais e tecer unha rede que dea pulo ao crecemento do sector cultural profesional na comarca de Verín e na que se una a todas as persoas que fan cousas”, adiantaba a moderadora da mesa.

 

Outro dos momentos da súa intervención.

 

E curiosamente esta publicación nacía no mundo online, pero acababa facéndose en papel durante a pandemia, no 2020.”Ao pasalo ao papel démonos conta de que estabamos facendo algo que se podía consumir, non en un minuto, senón que podías estar falando moito tempo del, de feito chegamos a ver a grupos de persoas tomando un café cun exemplar e comentándoo e a nós iso pareceunos marabilloso. Decatámonos de que ao pasalo ao papel a xente acaboulle dando máis importancia, acabouse convertendo nun símbolo”, comentaba Alejandro Nieves.

 

 

Contaba como se escollía o nome, co que buscaban chamar a atención, un nome reivindicativo e, ao mesmo tempo, “dado que a palabra farlopa non aparece recollida no dicionario da Real Academia Galega, darlle un significado propio e que apoiase esa idea de que a cultura tamén é transformadora”. Detallaba como ía evolucionando o proxecto e o feito de que se escollese a lingua galega como vehículo de exprsión, “algo que todo o mundo viu natural”. Ademais tomouse a decisión de utilizar o galego propio de Verín, e non o normativo, “para recoller como fala a nosa xente, por exemplo incluíndo dialectalismos, e buscando tamén que se preserve. Os nosos fanzines deixánse na biblioteca para que queden para o futuro e para que a xente saiba como era o panorama cultural na nosa vila neste momento”.

Alejandro Nieves explicaba que, aínda que o proxecto de Farlopa, “se vertebra neste fanzine inclúe outras actividades como encontros, dinamización, mesas redondas. O que buscamos é que a xente que fai cousas na comarca de Verín se coñeza e si que dalgunha maneira somos un medio especializado, aínda que buscamos ser o máis popular posible para chegar a todos os veciños e veciñas e traballamos no rural, é un dato importante, tamén. Este é un proxecto altruísta, froito reflexións que nacen dende o asociacionismo e o activismo cultural”.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button