ConcellosO BarcoÚltima hora

Aprobada en pleno a subida dun 10% do IBI no Barco cos votos en contra da oposición

Nesta mesma sesión plenaria tamén saía adiante a supresión da chamada plusvalía e introducir no IBI modificacións que fomenten a instalacións de sistemas de enerxía solar

 

Unicamente cos 9 votos do PSdeG-PSOE saía adiante na sesión plenaria celebrada o 5 de outubro no Barco a subida do Imposto sobre Bens Inmobles (IBI) no Barco. O voceiro socialista, Aurentino Alonso, argumentaba a necesidade de realizar esta subida dun 10% do imposto tendo en conta a supresión (tamén aprobada neste pleno, pero por unanimidade) do Imposto sobre o Incremento do Valor dos Terreos de Natureza Urbana, a chamada pluvalía, e a derrogación da ordenanza fiscal correspondente) e pola necesidade de actualizar o tipo de gravame atendendo á realidade económica actual. Ademais explicaba a novidade de incluír no IBI unha bonificación a aqueles que opten pola instalación de sistemas para o aproveitamento eléctrico da enerxía solar nos seus inmobles. “Ao ofrecer unha bonificación no IBI a aqueles propietarios de vivendas que instalen placas solares, o Concello pretende alentar aos residentes e ás empresas para adoptar tecnoloxías verdes e avanzadas, ou que tamén poidan contribuír ao desenvolvemento tecnolóxico e á innovación na comunidade”.

Porén a oposición, tanto o PP como o BNG, amosábase claramente contraria o incremento deste imposto e botaban man das palabras do grupo de goberno socialista sobre a boa saúde “económica Concello e a súa solvencia fiscal”. Máis en concreto, o edil nacionalista Suso Vilasánchez citaba os “5 millóns de remanente cos que conta o Concello” e anunciaba o seu voto en contra.

 

 

Pola súa banda, o concelleiro do PP, Antonio Melo, engadía que na “comisión municipal na que tratamos este tema falouse de que pola supresión da plusvalía ían deixar de recaudar 110.000 euros. Por iso penso que o Concello podería aguantar esta suba do 10% do IBI, porque o mesmo que lle sube o custo de servizos a el, tamén lle sube aos traballadores, é mellor que ese diñeiro estea nos petos dos cidadáns que no remanente de tesourería. Penso que podíamos facer como co punto do procedemento das expropiacións da senda verde e deixalo sobre a mesa para volver a tratalo máis adiante”. Pero a súa proposta era rexeitada polos votos en contra socialista.

O voceiro socialista respondía a isto que “o remanente de tesourería é noso, pero non é noso, agora podemos dispoñer del, pero no 2024 igual non. Os orzamentos do Concello hai que cadralos e ese remanente non pode entrar directamente aí, os orzamentos temos que equilibralos e para iso hai dúas opcións ou actualizar o imposto ou recortar en axudas e servizos”. E nesta liña o alcalde, Alfredo García, engadía que “hai que pagar impostos para poder ter bos servizos”.

Finalmente, a subida resultaba aprobada cos 9 votos a favor do PSdeG-PSOE e cos 8 votos en contra do PP e do BNG.

Artigos relacionados

Back to top button